coruna 21/05/2020

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que non esqueza o transporte público nas súas medidas de mobilidade

by Victor Lamela

O grupo municipal da Marea Atlántica saúda a conversión da maioría das rúas da cidade en Zona 30, aprobada en Xunta de Goberno Local, pero reclama que non quede nunha actuación illada, senón que “forme parte dun plan ambicioso de mobilidade, que inclúa necesariamente o reforzo do transporte público, coa restruturación de liñas e as axeitadas medidas de seguridade, recollendo o noso acordo co PSOE para o inicio do mandato e a investidura da alcaldesa”, explicou o concelleiro Xiao Varela. “Tamén é necesario seguir gañando espazo para moverse a pé e en medios de transporte non contaminantes, como a bicicleta, ao tempo que se garante que as persoas con mobilidade reducida non se vexan dobremente confinadas”, engadiu.

Varela, integrante da Comisión e a Mesa da Mobilidade, lembrou que a desescalada corre o risco de traducirse nun incremento do uso do coche, que non sería beneficioso para o conxunto da cidade. Do mesmo xeito, instamos á Xunta de Galicia a non esquecer a coordinación do transporte metropolitano, fundamental nesta fase de recuperación da mobilidade entre concellos, e a non descoidar as súas competencias. Desde o Concello, a alcaldesa debería reclamarllo tamén a Feijóo.

Finalmente, Varela lembrou que as medidas de mobilidade teñen que ir máis alá de garantir áreas de paseo e ocio, como se fixo estes meses, e “chegar a todos os barrios, sobre todo a aqueles que teñen un maior déficit de zonas abertas, como a Agra do Orzán”. A transformación ten que chegar para quedar, non limitarse só a unha xestión do estado de alarma.

Como xa sinalamos ​hai semanas,​ o goberno municipal dispón de moitas actuacións herdadas do mandato anterior, como acabamos de ver na demolición do viaduto da rolda de Nelle ou na rotonda de Ramón en Cajal con Pérez Ardá. Existen outros proxectos xa deseñados e con orzamentos, que poden poñerse en marcha a curto e medio prazo. Algúns exemplos son o percorrido entre as Conchiñas e Santa Margarida (Agra do Orzán), a rolda de Entrebarrios entre os Castros e a Gaiteira, ou a humanización da zona de Pelamios. Ademais, é o momento de completar as actuacións de mellora tanto do carril bici como do servizo Bicicoruña, dotadas con fondos europeos EIDUS.

A %d blogueros les gusta esto: