coruna 04/08/2020

A Marea Atlántica trasládalle á Asociación Veciñal de Labañou a súa total oposición ao pelotazo nas Percebeiras

by Victor Lamela

O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, e o concelleiro Xiao Varela mantiveron un encontro con representantes da Asociación Veciñal de Labañou. Nesta cita, que tivo lugar no barrio, trasladáronlles a total oposición do noso grupo municipal ao pelotazo urbanístico aprobado polo PSOE a semana pasada en Percebeiras. “Cando o urbanismo se pon ao servizo duns poucos, coma nesta iniciativa do goberno municipal, a cidade perde, os de sempre gañan e os verdadeiros problemas, como o elevado prezo da vivenda ou a falta de espazo público de calidade, quedan sen resolver. Nós queremos saír desta crise con máis dereitos, pero outros están convencidos de que debemos saír con máis cemento. A alcaldesa debe rectificar canto antes”, sinalou Iago Martínez.

Da súa banda, Xiao Varela lembrou que “o plan para urbanizar Percebeiras, sen ter en conta o espazo público nin o impacto ambiental, é de 2002, e xa choveu desde aquela. No pasado mandato caducamos o procedemento e hoxe podemos ter no Concello unha maioría para mudar o Plan Xeral e protexer a zona. O PSOE ten a nosa man tendida para isto”. Torres de 10 e 13 pisos de alto nun barrio de alturas aínda razoables, máis de 400 vivendas á beira do mar, e dando sombra ás vivendas de María Pita e ao litoral non é o que precisa a cidade.

A Marea Atlántica fai un chamamento a protexer o bordo litoral da Coruña fronte á especulación urbanística​, e lamenta que o único modelo do goberno municipal para afrontar a crise semella ser o de fomentar a construción a calquera prezo. “Non podemos volver ao modelo de cidade baseado só no ladrillo”, afirmou Iago Martínez, “o goberno municipal ten que procurar outras vías para a saída da crise que temos enriba, en lugar de repetir os erros que nos levaron á de 2008. Que teñan máis présa por aprobar operacións deste tipo que por poñer en marcha o operador enerxético municipal proposto e pactado con nós é un mal síntoma”.

A urbanización da Agra das Percebeiras non é o único problema do barrio de Labañou, e por iso os concelleiros escoitaron as necesidades e achegas da asociación veciñal. Entre outros asuntos, trasladámoslles o noso apoio á súa porposta de derrubar os muros da Cidade Escolar, como xeito de gañar zonas verdes e espazos abertos, unha zona que os necesita moito.

A %d blogueros les gusta esto: