coruna 30/06/2020

A Marea Atlántica votará en contra do recorte de 700.000 euros no IMCE

by Victor Lamela

A Marea Atlántica votará en contra do recorte de 700.000 euros no orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), despois de que o PSOE se negase a reconsideralo, como lle pedimos ​desde o primeiro día​. Como explicou o vicevoceiro da Marea, Iago Martínez, na Comisión de Facenda celebrada hoxe, “estamos radicalmente en contra de reducir os fondos para a cultura, un dos sectores máis afectados pola crise, e lamentamos que se perda unha oportunidade de mellorar as axudas do Concello con políticas serias e innovadoras de apoio á cultura”.

Esta mañá, na Comisión de Facenda, instamos novamente ao PSOE a reconsiderar a súa postura e non levar ao Pleno do xoves un modificativo que redunda nunha das principais debilidades do chamado Presco, tal e como vimos sinalando reiteradamente. No seu lugar, volvemos tender a man para negociar un Plan de Choque Cultural. “Hai necesidades no sector e hai recursos no Concello, só falta a vontade política do goberno local. Na oposición o apoio sería maioritario”, explica Martínez.

No plan de axudas do Concello ante as consecuencias do COVID, aprobado co voto a favor de todos os grupos, a cultura é o sector peor tratado. Só recibe un bono cultural aínda por definir e algunhas medidas complementarias claramente insuficientes. A cambio, os recortes na Concellaría de Cultura e o IMCE superan o millón de euros.

A %d blogueros les gusta esto: