Uncategorised 10/08/2019

A música de The Sounds e Belako pecha a segunda xornada de concertos do 33ª Festival Noroeste Estrella Galicia no areal de Riazor

by Victor Lamela

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia contará na noite do sábado 10 de agosto coas actuacións de The Sounds e Belako na praia de Riazor. A banda sueca liderada por Maja Ivarsson será a cabeza de cartel de mañá no areal coruñés, no que compartirá escenario coa frescura retro-futurista do grupo vasco. Completará a sesión os galegos The Rapants, unha das agrupacións gañadoras do Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria local Cuac FM.

Precisamente o grupo de Muros será o primeiro en subir ao mítico escenario de Riazor, que hoxe acolle as actuacións de Patti Smith and Band e Nathy Peluso, entre outras. O seu concerto terá lugar ás 21.00 horas e dará paso, ás 22.00 horas, á mistura de punk-rock e electrónica sinfónica dunha das bandas imprescindibles da escena musical estatal destes anos, como é Belako. Completará a noite The Sounds, artistas responsables de éxitos como Painted by numbers, Tony the Beat, Living in America ou No one sleeps when i’m awake, entre outros. A banda sueca de indie rock, cabeza de cartel xunto a Patti Smith desta edición do festival, está a celebrar este verán o seu 20º aniversario sobre as táboas e o público coruñés poderá gozar dunha sesión ateigada de pura enerxía en Riazor.

A xornada deste sábado comezará coas derradeiras sesións matinais deste 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, que terán lugar na praza José Sellier Loup, Bulevar do Papagaio e na rúa Torreiro. Desde as 13.15 horas as bandas galegas Mundo Prestigio, Vudú, Hickeys, Seda e Indi Tumbita & The Voodoo Bandits darán a coñecer as súas propostas musicais, que encherán as rúas da Coruña de hip-hop, soul, R&B, post-punk ou cumbia á hora do aperitivo. 

O PARQUE DO PASEO DAS PONTES ACOLLERÁ UNHA NOVA EDICIÓN DO MERCADO DA COLLEITA


Por outra banda, este sábado 10 de agosto comezará a programación dunha nova edición do Mercado da Colleita, a romaría popular de sesión continua e gratuíta que achega ao parque do Paseo das Pontes os mellores sons do indie galego, estatal e internacional, ademais dunha variada oferta de actividades para todos os públicos.

O  Mercado da Colleita é unha iniciativa de responsabilidade social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera para a transformación sostible do rural. Xogos tradicionais, o cultivo dun horto, catas e degustacións e obradoiros lúdicos e divulgativos son algunhas das múltiples propostas que se poderán encontrar na tarde do sábado no Paseo das Pontes.

A programación musical do parque do Paseo das Pontes comezará o sábado ás 16.00 horas coa actuación musical do cantante e compositor Pablo Lesuit, quen avanzará temas do seu novo álbum. Contra ás 17.00 horas, será a quenda dunha das cantantes máis recoñecidas do indie estatal, como é Anni B Sweet. A malagueña presentará o seu último traballo discográfico, Universo por estrenar, publicado este mesmo ano. Pechará a tarde a singular banda madrileña Los Punsetes, que achegarán ao público algúns dos seus éxitos máis coñecidos. O seu concerto, o último da xornada neste escenario comezará ás 18.30 horas.

O Mercado da Colleita, proxecto de compromiso social de Hijos de Rivera, celebra así a súa cuarta edición como broche final ao Festival Noroeste Estrella Galicia, logo da excelente acollida de público dos pasados anos. Máis de 11.000 persoas referendaron coa súa presenza no 2018 este evento que se converteu xa nun imprescindible para quen procura unha oferta de lecer diferente, na que a música acompaña a unha axenda lúdica e divulgatica arredor do noso rural. 

O sábado e o domingo, de 12.00 a 22.00 horas, o Paseo das Pontes converterase nun grande evento enfocado cara á sensibilización ambiental e a transformación sostible do rural, enmarcado nun ambiente festivo de carácter familiar cun cartel musical de luxo, e cunha ambiciosa proposta de actividades ao redor do medio ambiente, a revalorización da orixe, o valor do local e o consumo responsable. 

Neste sentido, o sábado o Mercado da Colleita arrancará ás 12.00 horas cunha charla descritiva sobre o proxecto, á que seguirán numerosos talleres de xeito continuado con temáticas como os hortos urbanos e a compostaxe caseira (12.00 e 17.00 horas), elaboración e cata de pans (17.00 e 20.00 horas), cata de queixos (13.00 e 18.00 horas), infusións (13.00 e 16.00 horas), sidras Maeloc (14.00, 16.00, 18.00 e 20.00) e viños Ponte da Boga (12.30 e 17.00 horas). Mentres tanto, a zona de Parladoiros será o escenario de charlas e coloquios sobre modelos de negocio no rural (17.00 a 18.30 horas), tecnoloxía e sostibilidade (19.30 horas) ou marketing sostible (20.00 horas).

AXENDA SÁBADO 10 DE AGOSTO

13.15 horas. Mundo Prestigio – Praza José Sellier Loup

13.30 horas. Vudú – Bulevar do Papagaio

13.30 horas. Hickeys – Rúa Torreiro

14.30 horas. Seda – Praza José Sellier Loup

14.45 horas. Indy Tumbita & The Voodoo Bandits – Bulevar do Papagaio

16.00 horas. Pablo Lesuit -Parque do Paseo das Pontes

17.00 horas. Anni B Sweet – Parque do Paseo das Pontes

18.30 horas. Los Punsetes – Parque do Paseo das Pontes

21.00 horas. The Rapants – Praia de Riazor

22.00 horas. Belako – Praia de Riazor

00.00 horas. The Sounds – Praia de Riazor

 


ARTISTAS DO SÁBADO 10 DE AGOSTO

 

13.15 horas. Mundo Prestigio – Praza José Sellier Loup. A materia prima creativa que comparte o cuarteto integrado por Ju, Brais, Fiz e Fer recíclase, recomponse e ábrese camiño á superficie con novas formas e cores. Batería, baixo e teclado rompen relacións coa guitarra e póñense a disposición dos samplers en busca de aire fresco, veña este de onde veña. Mundo Prestigio é unha festa á cal están convidados o pop, o hip-hop, Isaac Hayes w Bad Bad Not Good, na que o importante é -e será sempre- pasálo moi ben. O público poderá gozar do enérxico set desta prometedora troupe galega de influencia hip-hopera. Nos seus temas, a música de raíz negra atópase co pop e a psicodelia.

13.30 horas. Vudú – Bulevar do Papagaio. O dúo feminino Vudú,formado por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, traen ao Noroeste Estrella Galicia letras chegadas da música tradicional galega con sons Soul e R&B. Con influencias de musicos como Marful, Carmen Rey, Xabier Díaz, Erykah Badu, Nik West ou Stevie Wonder, fan unha música íntima e elegante para grandes e pequenos momentos. En 2017 gañan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul, consolidándose no seu estilo e buscando novas fórmulas de directo. Tras publicar un segundo EP, no inverno de 2018 presentaron o seu primeiro disco, Vudú Vol III, onde inclúen letras do cancioneiro tradicional galego coas harmonías da música negra que tanto lles define.

13.30 horas. Hickeys – Rúa Torreiro. Marta, Maite, Matina e Ana forman a banda feminina Hickeys. Estas madrileñas comezaron a súa andaina musical en 2017. Cunha mestura de post punk dos 90 e o son lo-fi crearon o seu particular estilo que elas chaman ‘glitter punk’. Guitarras distorsionadas e espidas, baixos contundentes e ritmos frenéticos definen o seu primeiro EP Diamond Munch. Na súa curta traxectoria, Hickeys xa xirou por salas de toda España e Portugal. E non só iso, senón que chamaron a atención de eventos en Estados Unidos, como o New Colossus Festival de Nova York ou o SXSW de Austin; e de Reino Unido, onde xa realizaron unha exitosa primeira xira.

14.30 horas. Seda – Praza José Sellier Loup. Seda é ao mesmo tempo a improbable comuñón de tres ensibilidades e a inevitable colisión de tres colegas que, unidos polo seu mutuo agarimo e as súas inquietudes comúns, xuntáronse para abordar a música pop desde a escuadra. A cousa vai de moverse rápido, en zigzag, esquivos. Vidos de Jay, Dois e Pálida, estes tres músicos toman o hip-hop e as ensinanzas de Panda Bear e Gorillaz como pedra angular desde a cal afrontar o pop experimental.

14.45 horas. Indy Tumbita & The Voodoo Bandits – Bulevar do Papagaio. A banda que soa a surf, rock e cumbia nace en 2015, cando Indy Tumbita, guitarrista vigués de bandas como Los Duques de Monterrey, Thee Tumbitas ou Pedrito Diablo & Los Cadáveras, comeza a traballar no seu primeiro disco instrumental en solitario, Bay Vibrations. Un disco que está cheo de influencias do “Spaghetti Western”, do son amazónico, do flamenco e do jazz.  Para a súa presentación en directo, Indy Tumbita rodeouse dos The Voodoo Bandits, unha banda “con dotes para a maxia negra” composta por recoñecidos músicos da escea galega. En 2018, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits volven ao estudio para gravar dúas novas perlas instrumentais: Surfing Halloween / Love from Mars. Xa neste 2019, publican Cocodrilia, Hypnótica, La Virgen de la Roca e No seas rata con la plata, catro títulos que supoñen unha nova evolución na banda, incorporando a influencia musical da cumbia. 

16.00 horas. Pablo Lesuit -Parque do Paseo das Pontes. Pablo Lesuit é un músico, cantante e compositor galego que destaca na nova escena da canción española polo seu estilo persoal e independente. Tras o seu o seu primeiro  EP Ocho Horas, publicado en 2013, non parou de compoñer, tocar e colaborar con outros artistas da talla de Eladio y los Seres Queridos, ata gravar en 2015 o seu primeiro álbum: Tiempo, onde colabora Jorge Drexler e co que percorreu España tocando en salas e grandes festivais. En 2017, entusiasmado co movemento da canción latinoamericana, decide emprender unha nova viaxe por América do Sur coa súa guitarra debaixo do brazo para atoparse coas músicas de raíz. Alí é onde comezou a gravación do seu novo disco de maneira itinerante, que verá a luz en breve e promete non deixar a ninguén indiferente. En directo, a súa música coidada e harmónica é unha experiencia na que o público goza e baila as súas cancións

17.00 horas. Anni B Sweet – Parque do Paseo das Pontes. A cantautora malagueña Anni B Sweet debuta no panorama independente estatal co disco Start, Restart, Undo (2009), un traballo cristalino e delicado que a levará a xirar por toda Europa, Asia e América. Galardoada co premio Guille á Mellor Artista Pop en 2010, a súa carreira non fixo máis ca despegar. En 2012 publica Oh! Monsters, un disco máis escuro e eléctrico co que deu un salto arriscado a nivel compositivo e de son. No seu terceiro álbum, Chasing Ilusions (2015), imprime unha luminosidade ás novas cancións, que se moven entre o soul dos sesenta, o rock dos setenta e a new wave dos oitenta. Neste 2019, lanzou Universo por estrenar, o seu cuarto traballo de estudio e primeiro composto integramente por temas en español, que nos mostra un pop perfecto con toques de electrónica futurista e psicodelia. 

18.30 horas. Los Punsetes – Parque do Paseo das Pontes. Nados ao amparo do punk, Los  Punsetes foron capaces de crear algo novo cos últimos  estertores dunha xeración anterior. A súa enorme personalidade, a peculiar posta en escena e unha coidada estética a cada paso que deron, súmanse ao agudo enxeño de Manuel Sánchez “ Anntona”, principal compositor, para un resultado fresco e contundente. Creáronse en 2004, e cinco discos despois –cun sexto en camiño-, a banda madrileña á que as etiquetas de indie pop lles quedan bastante curtas, continúan dando forma a unhas cancións nunca inofensivas coas que destruír toda convención social desta vida moderna. Un exemplo diso é o seu último single Una persona sospechosa, primeiro adianto do que será o seu próximo álbum de estudo, que verá a luz tras o verán.

21.00 horas. The Rapants – Praia de Riazor. Festa, xuventude, praia e, sobre todo, bo rolo. Iso é The Rapants. Esta banda de indie garage surfeiro formada en Muros conseguiu mediante frases pegadizas e bailes esperpénticos facerse un oco nas preferencias musicais do público novo. A Xanma e Rapante, encargados das guitarras e as voces (así como da composición) súmanse Matías e Hugo. O primeiro (ao baixo) levanta ao público co seu carácter descarado. Pola súa banda, Hugo, a última incorporación, substitúe á anterior batería achegando maior variedade rítmica e experiencia. A música animada e pegadiza desta banda esténdese rapidamente entre os seus oíntes, agradando especialmente ao público xuvenil, que salta e baila nos seus directos.

22.00 horas. Belako – Praia de Riazor. Habituais de festivais imprescindibles, os sons retro-futuristas tan característicos de Belako non son fieis a ningún estilo musical, pero neles percíbense cruces de sons crus do punk-rock con ambientes cálidos da electrónica sinfónica. En directo, son pura frescura, enerxía e motivación. Gañadores de premios e distincións como o mellor grupo ou artista revelación segundo a revista Rolling Stone, o Premio Ojo Crítico de RNE ou o galardón ao Mellor Directo nos Premios de la Música Independiente, a troupe vasca, actualmente integrada por Josu  Billelabeitia (guitarra, teclados, baixo, voz), Cris Lizarraga (voz, teclados), Lander Zalakain (batería, voz) e Lore Billelabeitia (baixo, teclados, voz), inicia a súa andaina no ano 2011. En 2012 logran o primeiro posto no concurso de maquetas organizado por Eitb Gaztea Maketa Lehiaketa, fito que lles leva a actuar no BBK Live. En marzo de 2013 publican o seu primeiro disco longo, Eurie, co que viran por todo o país e actúan como teloneiros de artistas da talla de Elvis Costello, Crystal Fighters ou Shout Out Louds. En 2013 son elixidos Talento Fnac e, en 2014, publican os Ep’s Bele beltzak baino ez e Aaaa!!!! da man do seu propio selo discográfico: Belako Records. En xaneiro de 2016 ve a luz un novo traballo, Hamen, co que dan o salto ao estranxeiro. O seu último traballo, Render me numb, trivial violence, saiu ao mercado en setembro de 2017.

00.00 horas. The Sounds – Praia de Riazor. A banda sueca de rock The Sounds regresa aos escenarios españois este verán como un dos cabezas de cartel do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, para celebrar os seus 20 anos sobre os escenarios a golpe de pura enerxía. A banda, liderada por Maja Ivarsson (voz), está ademais integrada por Felix Rodríguez (guitarra), Johan Bengtsson (baixo), Jesper Anderberg (sintetizadores) e Fredrik Nilsson (batería). O seu álbum debut, Living in America, que viu a luz en 2002, estivo nomeado a varios Grammy e logrou a cuarta posición na lista sueca de discos máis vendidos. A el seguíronlle Dying to Say This to You (2006), Crossing the Rubicon (2009), Something To Die For (2011) e Weekend (2013). A súa música chamou a atención non só do público e da prensa especializada, senón tamén do todopoderoso Hollywood. Nas súas múltiples xiras internacionais compartiron táboas con bandas da talla de Foo Fighters, Panic! At The Disco e The Strokes. 

 

A %d blogueros les gusta esto: