coruna 12th abril 2018

A Panadaría presentará o 20 de abril a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran 25 finalistas de entre os 230 participantes desta segunda edición

by Victor Lamela

A compañía A Panadaría, formada polas actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, presentará o vindeiro venres, 20 de abril, ás 20.00 horas no Teatro Colón da Coruña a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran 25 finalistas escollidos polo xurado entre os 230 participantes que concorreron nesta segunda edición. A prestixiosa compañía teatral, que neste 2018 foi a gran triunfadora dos Premios de Teatro María Casares grazas á súa obra Elisa e Marcela, ofrecerá unha gala arredor da xeraciónmillennial e os contidos que se crean en internet, sempre dende o humor”, adiantan as actrices que compoñen a compañía. Deste xeito, A Panadaría ofrecerá así unha gala de entrega dos premios no que se mesturará “o humor, a música e o protagonismo das participantes” para “celebrar os contidos en galego” que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s

As compoñentes da Panadaría explicárono así na presentación celebrada esta mañá no propio Teatro Colón coa intervención de Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, quen explicou que estes galardóns forman parte do Proxecto Youtubeir@s, iniciativa ideada para promover e visibilizar o uso do galego en Internet, nomeadamente nunha das redes máis influentes do momento: Youtube. O proxecto está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e pola Deputación da Coruña.

Goretti Sanmartín destacou na súa intervención a pegada social do Proxecto Youtubeir@s e o seu importante labor no fomento e espallamento do galego, así como o pulo e visibilidade que lle está a outorgar á nosa lingua. Nesa mesma liña, Sanmartín puxo en valor a implicación da Deputación da Coruña neste proxecto ao tempo que destacou a importante colaboración entre institucións, xa que están implicados na súa organización un total de nove concellos, as tres universidades e o propio organismo provincial. Finalmente, a vicepresidenta detallou os datos de participación, tanto cualitativos coma cuantitativos, que amosan a consolidación do proxecto nesta segunda edición.

230 vídeos e canles e 5.500€ en premios

Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle, dotadas con 1.000€ cada unha. Tamén se entregarán catro premios máis valorados en 500€ cada un  e que recoñecerán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. Darase a coñecer tamén na gala o premio do público que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de YouTube.Nesta edición, a categoría que maior interese concentrou entre os concorrentes foi a de vídeo-facermos, na que compiten un total de 116 propostas, o cal representa o 50% dos vídeos a concurso. Mentres, a categoría de vídeo-opinarmos aglutina o 38%, ao constar con 88 participantes.

Por franxas de idade, o 40% das persoas participantes atópanse entre os 30 e os 50 anos, mentres que o 31% corresponde á marxe entre os 18 e 30 anos. Neste sentido, cómpre destacar tamén que o 13% das aspirantes aos galardóns corresponden a idades superiores aos 50 anos, un público obxectivo desta iniciativa que nesta edición buscou fomentar o uso do YouTube neste nivel xeracional. Sanmartín, ademais, quixo pór en valor os datos referentes á provincia da Coruña.Os concellos coruñeses resultan ser dos máis dinámicos do país canto a participación. Por inscricións, representan 143 das 230 realizadas, un 62%. Por concellos son 21 dun total de 39 e nos sete primeiros postos en participación 5 son da provincia da Coruña, onde está unha cidade como Santiago de Compostela (a que ten máis propostas inscritas), mais tamén concellos ben pequenos como San Sadurniño, Rianxo ou Valdoviño.

Dende o punto de vista temático, os datos amosan que nesta edición ten unha gran relevancia a igualdade de xénero, asunto social que centra unha parte considerable dos vídeos achegados. Tamén destacan as propostas de carácter didáctico. Consolidouse así unha vía que entende o YouTube en galego coma unha ferramenta educativa completamente válida. Cómpre tamén sinalar a participación de distintos centros de ensino do país. Finalmente, na categoría de vídeo-facermos continúan a estar moi presentes as receitas de cociña e os vídeos de horta.

As persoas gañadoras daranse a coñecer durante a gala presentada por A Panadaría, cuxas entradas son gratuítas e poden reservarse con antelación a través da web do teatro nesta ligazónou na billeteira o propio día do evento. Durante a gala, resolverase así o palmarés tras a decisión do xurado conformado por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño, que xa escolleron 25 propostas como finalistas.

 

FINALISTAS POR CATEGORÍAS

Categoría de vídeo-facermos:

Categoría de vídeo-opinarmos:

Categoría de canle:

Categoría de creatividade:

Categoría de eficiencia comunicativa:

Categoría de calidade técnica:

Categoría de calidade lingüística:

Categoría de proposta youtubeira:

A %d blogueros les gusta esto: