Uncategorised 07/17/2019

A UDC alíase con outras cinco universidades para crear o proxecto Universidades sem Fronteiras da Eurorrexion Galicia e norte de Portugal

by Victor Lamela

A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña, Pilar García de la Torre, participou a pasada semana na reunión de lanzamento do proxecto “Universidades sem Fronteiras” (UNISF), que tivo lugar na Reitoría da Universidade do Minho, en Braga. Este proxecto créase tras a alianza das seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Universidades do Minho, Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) e a Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais. UNISF é unha iniciativa innovadora que situará á Eurorrexión como un actor influínte a nivel europeo na innovación universitaria e na creación de novas ferramentas de xestións transfronteirizas.

A formación universitaria do futuro ten como elementos indiscutibles a internacionalización e o intercambio de coñecementos entre diversas disciplinas e espazos que se comuniquen entre si con facilidade. Os estudantes necesitan unha visión máis ampla do mundo laboral ao que se enfrontan así como dos retos tecnolóxicos, científicos ou sociais para os que se reclama unha preparación cada vez máis completa e multidisciplinar.

Esta realidade é máis inmediata se cabe no ámbito europeo, que cunha tradición asentada de programas de mobilidade e o proceso Boloña, está a consolidar un dos seus proxectos máis ambiciosos: o da creación dun Espazo Europeo de Educación que mellore a competitividade das Universidades Europeas e as transforme nun polo de atracción e nunha fonte de innovación continuas. Nun momento no que desde as institucións europeas se está a fomentar a creación de redes de universidades, as Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal poñen en marcha un proxecto propio que pretende eliminar as barreiras administrativas e burocráticas entre estas universidades. O obxectivo final é consolidar o Espazo Transfronteirizo de Ensino Superior e de Investigación da Eurorrexión con titulacións conxuntas que supoña unha mellora das capacidades das universidades na creación de programas de estudos innovadores, cooperativos, máis creativos e cunha compoñente transfronteiriza e multidisciplinar.

O proxecto UNISF ten prevista a creación de 2 títulos de mestrado e outros 2 de doutoramento, conxuntos, nos que participarán diversos departamentos das universidades que conforman o consorcio.

Na reunión de lanzamento de UNISF estiveron presentes os membros do Comité de Pilotaxe do proxecto, máximo órgano de xestión e de toma de decisións, xunto con persoal técnico das universidades participantes. Forman parte deste Comité e estiveron presentes, Carla Martins, Pró-reitora para a Internacionalização da Universidade de Minho; María Victoria Otero Espinar, Vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela; Maria de Lurdes Fernandes, Vice-Reitora de Formação, Organização Académica e Relações Internacionais da Universidade do Porto; Pilar García de la Torre, Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación; María Isabel Doval Ruiz, Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo; Artur Fernando Arede Correia Cristovão, Vice-Reitor para o Planeamento e Internacionalização da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; e Valerià Paül Carril, Director da Fundación CEER.

UNISF foi aprobado na última convocatoria do Programa europeo de Cooperación Transfronteiriza, POCTEP, cun orzamento total de 1.492.221,45 euros, contando cunha subvención FEDER do 75%.

 

Foto: A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, detrás, segunda pola dereita

A %d blogueros les gusta esto: