coruna 31/07/2020

A UDC iniciará o próximo curso con presencialidade e cun plan de continxencia

by Victor Lamela

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu no campus de Elviña ao secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, para amosarlle a nova normalidade prevista para o inicio do próximo curso que comezará o 21 de setembro.

O reitor, acompañado pola vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e a Adxunta do reitor para a Coordinación e Relacións Institucionais, María Dolores Candedo, comezou a visita na Facultade de Dereito na que o seu decano, José Antonio Seoane, explicou as medidas físicas e sanitarias tomadas para garantir un inicio de curso seguro. A continuación visitaron tamén a Facultade de Economía e Empresa co decano, Manuel Gómez, na que tamén puideron comprobar a plena adaptación da UDC á nova normalidade.

En declaracións efectuadas aos medios de comunicación, o reitor explicou que o plantexamento xeral da Universidade da Coruña para o inicio do próximo curso é presencial. A UDC, concretou Abalde, aprobou en Consello de Goberno unhas directrices xerais para que despois cada centro planificase o vindeiro curso en función do espazo e do número de alumnado, de forma que se garanta a calidade da docencia con todas as condicións sanitarias.

“Cada centro adaptouse seguindo as súas características pero todos teñen previsto un plan de continxencia por se hai necesidade de confinamento ou se aparece algún caso de COVID-19 que motive o peche do centro e a transformación ao día seguinte a unha docencia online”, manifestou o reitor.

Pola súa banda, o secretario Xeral de Universidades agradeceu á Universidade da Coruña, e por extensión ás universidades galegas, “a súa disposición e, sobre todo, o seu traballo impresionante”. Díez de Castro insistiu en que “hai que ter en conta que esta semana aínda se están pechando actas do curso 2019-2020 e mañá venres as universidades xa teñen preparada a parte física, a seguridade sanitaria e a previsión académica e espazos alternativos para o vindeiro curso”. “A UDC, a máis de mes e medio de inicio do próximo curso, fixo os deberes”, recoñeceu enfatizando que “fíxose todo en tempo récord e dunha maneira espléndida para algo novidoso e insólito”.

Aínda que en todos os centros da UDC haberá presencialidade o vindeiro curso, cada un está a organizar a súa docencia en función dos espazos existentes e do número de estudantes. Isto implica, nalgúns casos poder ter docencia presencial en todos os cursos de todas as titulacións pero noutros combinarase a docencia presencial cun modelo híbrido (docencia expositiva virtual e docencia interactiva e prácticas con presencialidade en grupos reducidos). Facultades e Escolas reorganizaron os seus espazos de forma que as aulas están xa adaptadas para acoller ao alumnado, que deberá acudir con máscara e respectar a distancia de seguridade de 1,5 metros. Os centros teñen establecido ademais rutas de entrada e de saída para evitar aglomeracións e dispoñen de xel hidroalcohólico para o seu uso polo persoal e o alumnado. Ademais, os horarios contemplan os tempos necesarios para ventilar e graduar as clases. Todos os centros da UDC teñen previsto tamén un plan de continxencia para o caso de ser necesario. A Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente creará ademais unha rede de asesores en cada un dos centros para facilitar a virtualización das materias e da docencia.

A Xunta de Galicia, segundo recordou o secretario Xeral de Universidades, aportará ás tres universidades galegas un financiamento adicional conxunto de tres millóns de euros para facer fronte a todos os gastos extraordinarios motivados pola adaptación dos centros á pandemia.

O vindeiro curso iniciarase o 21 de setembro, cun retraso de quince días “asumible” segundo aceptou o reitor. Este retraso, aprobado polas tres universidades galegas e pola Xunta de Galicia, vén motivado polas probas de acceso á universidade de setembro, a ABAU, ademais de pola planificación do próximo curso.

O que pode esperar o alumnado e as súas familias o vindeiro curso, asegurou o secretario Xeral de Universidades, é que “vai recibir a mesma calidade docente de sempre nunhas condicións de seguridade sanitaria, e cunha adaptación ao emprego, cando sexa necesario, de tecnoloxías de primeiro nivel”.

A %d blogueros les gusta esto: