coruna 05/07/2020

A Universidade da Coruña acorda unhas orientacións para garantir a calidade da docencia o próximo curso neste período de “nova normalidade”

by Victor Lamela

A evolución favorable da pandemia permite pensar na posibilidade de retomar a actividade presencial nas universidades para o vindeiro curso 2020-2021, cunha adaptación á “nova normalidade” que implica o mantemento das medidas de distanciamento social e coa asunción dunha previsión de medidas para o caso en que non se poida producir, así como cun plan organizativo para o caso dun novo confinamento.

Baixo estas premisas, a Universidade da Coruña vén de acordar unhas orientacións para a programación da actividade académica do próximo curso que garanta a calidade da docencia.

Cada centro da UDC aprobará o seu plan de prevención e hixiene para as súas instalacións que garanta que se cumpren as medidas e protocolos sanitarios. Os centros deberán adoptar as medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir a distancia de seguridade de cando menos 1,5 metros. Isto inclúe unha planificación de horarios que permita distribuír gradualmente o acceso e as saídas tanto dos edificios como das aulas, laboratorios e outros espazos. Os centros que dispoñan de aulas que lles permitan manter a distancia social poderán impartir docencia presencial; naqueles centros en que non sexa posible recoméndase optar por un sistema híbrido que permita combinar a docencia presencial coa non presencial. Prestarase especial atención ao estudantado dos primeiros cursos, potenciando a comunicación con eles para minimizar o risco de fracaso e abandono e garantir a adquisición de competencias e resultados de aprendizaxe.

Independentemente da modalidade de docencia pola que se decante o centro, este deberá ter en conta igualmente a posibilidade de suspensión da actividade presencial a causa de novos abrochos.

Entre as indicacións do documento aprobado en Consello de Goberno deste martes, 30 de xuño, establécese que, con carácter xeral, a avaliación das materias será continua ao longo do cuadrimestre. A cualificación final será consecuencia dos resultados globais obtidos en todas as actividades de avaliación; o exame final, de existir, non debería acadar un valor superior ao 40% da cualificación total. Ademais, o profesorado debe realizar unha adecuada programación temporal da carga e volume de traballo do estudantado que se corresponda co número de créditos asignados a cada materia.

Todas as guías docentes contarán cun novo apartado denominado “Plan de continxencia” coas adaptacións previstas para o caso dun novo confinamento. Así mesmo, incluirán, no que respecta ás materias con docencia híbrida ou non presencial, indicación das metodoloxías empregadas, os mecanismos de atención personalizada ao alumnado e o sistema de avaliación.

A Universidade da Coruña ofrecerá a través do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (Cufie) plans formativos en competencias dixitais tanto para o profesorado como para o alumnado, así como creará unha rede de asesores de teleformación nos centros. Tamén se prevé mellorar as aulas informáticas da UDC e as plataformas de docencia virtual. O novo campus virtual será accesible desde a aplicación móbil e contará con novas funcionalidades para facilitar o labor de docentes e alumnado.

A %d blogueros les gusta esto: