Uncategorised 27/05/2020

A Universidade da Coruña adhírese ao plan de apoio ao alumnado durante o estado de alarma do Grupo 9 de Universidades

by Victor Lamela

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente semestral do Grupo 9 de Universidades (G-9), Julio Rubio, reitor da Universidad de La Rioja, asinaron o acordo de adhesión da UDC ao plan elaborado polo G-9 de apoio ao alumnado de universidades públicas, que reside durante o estado de alarma nunha Comunidade Autónoma diferente da universidade en que está matriculado, incluídas neste acordo.

Este plan de apoio ao estudantado contempla tres áreas nas que se ofrece cobertura a aqueles estudantes que o requiran, que poderán utilizar as instalacións das universidades subscritas ao acordo, o G-9 formado polas universidades de Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra e Zaragoza, ademais da Universidad de Burgos, que tamén se sumou ao convenio.

En primeiro lugar, as universidades asinantes ofrecen, na medida das súas posibilidades, apoio ao estudantado en actividades non presenciais (clases e avaliación), dando o mesmo apoio ao estudantado desprazado que ao seu propio, cando haxa constancia de dificultades de conectividade ou tecnolóxicas. Isto “pode incluír o préstamo de portátiles, a facilitación de tarxetas de datos e de outro material informático”, segundo sinala o documento subscrito.

Ademais, se se habilitan espazos (aulas informáticas), sexa en edificios da universidade ou noutros concertados de uso público, para facilitar o acceso telemático a estudantado con dificultades tecnolóxicas, “eses espazos poderán ser utilizados, sempre que o aforo o permita, por estudantado desprazado”, contempla o plan do G-9 ao que se adhire a Universidade da Coruña.

Xunto a isto, o Plan recolle tamén o apoio en actividades presenciais (habilitarase se é posible un espazo, coas convenientes condicións de seguridade e custodia, para que a persoa desprazada poida realizar o seu exame) e o apoio á mobilidade (a universidade de acollida facilitará ao estudantado desprazado salvocondutos de mobilidade do mesmo modo e baixo as mesmas condicións que ao seu estudantado).

O reitor da Universidad de La Rioja, como presidente actual do G-9, deu “a benvida a este pacto á Universidade da Coruña”. “É unha magnífica noticia –destacou Rubio- para o sistema universitario español, pois cantas máis universidades públicas se adhiran ao acordo atoparémonos máis preto do distrito único solidario, que a sociedade necesita nestes momentos de crise”.

Para o reitor da Universidade da Coruña, este acordo é un “exemplo de colaboración entre universidades públicas, cun compromiso de axuda mutua para facilitar a culminación do curso ao noso alumnado”. Do que se trata, explicou Julio Abalde, é de “minimizar o máximo posible os problemas de conectividade que poidan dificultar ao estudantado os procesos de avaliación”.

Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña ten 24 centros distribuídos nos campus da Coruña e Ferrol os que se imparten 42 graos e 7 dobres graos. Con algo máis de 17.000 alumnos, un total de 368 poderán beneficiarse deste acordo. A UDC conta con 199 estudantes procedentes de Asturias; 38 do País Vasco; 32 de Balears; 22 de Castilla-La Mancha; 19 de Cantabria; 16 da provincia de Burgos; 12 de La Rioja; 12 de Navarra; 9 de Aragón e 9 de Extremadura.

Grupo 9 de Universidades

O Grupo 9 de Universidades, G-9, é unha asociación conformada polas universidades públicas que son únicas nas súas respectivas comunidades autónomas: Universidad de Cantabria, Universidad de Castilla-La Mancha, Universidad de Extremadura, Universitat de les Illes Balears, Universidad de La Rioja, Universidad de Oviedo, Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, Universidad Pública de Navarra e Universidad de Zaragoza. As universidades do G-9 contan con máis de 170.000 estudantes.

A %d blogueros les gusta esto: