coruna 23/02/2021

A Universidade da Coruña amosa a súa oferta académica de graos na exposición virtual organizada por CRUE Universidades Españolas, UNIferia

by Victor Lamela

A Universidade da Coruña participa na iniciativa de Crue Universidades Españolas, UNIferia Graos 2021, o salón virtual gratuíto sobre a oferta académica de 55 universidades, que celebra a súa terceira edición do 22 ao 24 de febreiro. En marzo, do 2 ao 4, será a quenda da segunda edición de UNIferia Máster.

Esta iniciativa, posta en marcha polo Grupo de Traballo dos Servizos de Información e Orientación Universitaria de Crue–Asuntos Estudantís, ten como obxectivo mellorar as canles de comunicación entre o estudantado e as universidades e garantir a igualdade de oportunidades sen as limitacións que ata o de agora presentaban as feiras de Educación Superior tradicionais.

UNIferia Graos ofrece de forma personalizada ao estudantado, a través da plataforma virtual https://grado-uniferia.crue.org/, toda a información necesaria e relevante sobre as titulacións ofertadas por máis de medio centenar de institucións: sistemas de acceso, itinerarios formativos, plans de estudos, posibilidades de internacionalización ou programas de bolsas e axudas.

Cun formato 2D, accesible e adaptado aos dispositivos móbiles (responsive), este salón permite aos usuarios interactuar por videoconferencia cos diferentes servizos de información e orientación das institucións participantes. Sen moverse de casa e sen empregar un só papel. Ademais, as universidades amplían o seu radio de acción espazo-temporal, podendo manter os seus contidos na web de UNIferia ata a celebración da próxima edición.

Esta feira conta cun pavillón virtual no que se sitúa un punto de información principal, onde os visitantes deberán rexistrarse. Neste espazo hai un buscador para localizar títulos por ramas de coñecemento, ámbito xeográfico, nota de corte ou servizos. Os potenciais universitarios dispoñerán no seu perfil un espazo onde poderán gardar a información que lles interesara, a modo de marcador, para a súa posterior consulta e/ou descarga.

Ademais, o pavillón está composto polos postos das universidades e todos eles contan con blogue, chat, correo electrónico, vídeos, oferta académica e ligazóns ás súas correspondentes páxinas web. Do mesmo xeito que as feiras tradicionais, este pavillón terá tamén diferentes salas de conferencias, cun aforo limitado, onde as universidades poderán realizar videoconferencias sobre diferentes temas de interese.

A Universidade da Coruña, seguindo a iniciativa posta en marcha o ano pasado, traballa nunha nova edición das Xornadas de Portas Abertas Virtuais, coa fin de amosar ao futuro alumnado a oferta académica dos campus da Coruña e Ferrol, que será a principios do mes de abril. O estudantado poderá interactuar cos centros e obter información directa así como solventar as posibles dúbidas que poida ter. Ademais, a UDC ofrecerá información xeral de todas as titulacións que se imparten así como da vida universitaria con explicacións das actividades de cultura, deporte, etc que pode realizar o alumnado universitario.

A %d blogueros les gusta esto: