coruna 12th julio 2019

A Universidade da Coruña presenta en Mundos Dixitais o novo grao en videoxogos e o mestrado especializado, xa implantado

by Victor Lamela

A Universidade da Coruña, representada polo Campus Innova e o Campus Industrial, estará presente cun stand no Congreso Internacional Mundos Dixitais, que ten lugar en Palexco do 11 ao 13 de xullo.

A UDC presentará neste evento as súas titulacións relacionadas coa temática do congreso, o novo Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, que comeza a impartirse o próximo curso na Facultade de Ciencias da Comunicación, e o Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte desde este curso na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol.

A Universidade da Coruña busca coa súa participación achegarse ao público afeccionado ao mundo do videoxogo para presentarlle a súa oferta académica neste ámbito e poñer en valor a formación adquirida polo seu alumnado. Para iso, contará cun stand propio situado na planta baixa do palacio de congresos no que o persoal dos campus de especialización Innova e Industrial informarán destas titulacións únicas en Galicia.

 

Presentación de Waylanders

Ademais da súa presenza nun dos stands deste congreso, a Universidade da Coruña patrocina unha das conferencia do amplo programa do congreso: “Waylanders: Creando a mítica Brigantia a partir da Coruña real”.

Nesta presentación, o director de Gato Studio, Sergio Prieto, debullará o traballo de todo o proceso de creación de escenarios reais desenvolto para o videoxogo The  Waylanders, un videoxogo ambientado na mitoloxía celta e na Galicia medieval, que leva ao xogador a emblemáticas localizacións reais como a Catedral de Santiago, Brigantia, Ons ou Fisterra.

 

Encontro de estudantes cun experto de Ilion Animation Studios

Así mesmo, os alumnos da Universidade da Coruña terán a oportunidade de participar nun encontro privado co experto David Miguez, supervisor de “Rigging” en Ilion Animation Studios, que terá lugar hoxe xoves, 11 de xullo ás 17:00h.

David Miguez traballou en diferentes empresas de contidos audiovisuais e novos media, no deseño e desenvolvemento de proxectos de animación 3D e realidade virtual, participando na produción da primeira longametraxe de animación 3D europea, El Bosque Animado. Así mesmo, impartiu clases en diversos Mestrados e na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña e forma parte do comité de organización do Festival Internacional de Animación e FX “Mundos Dixitais”. Desde o ano 2007 traballa en Ilion Animation Studios.

O encontro, aberto ao alumnado da Universidade da Coruña con entrada ao congreso, terá carácter participativo, de maneira que os asistentes poderán facer todo tipo de consultas ou dúbidas relacionadas coa temática aproveitando a presenza do especialista.

Esta décimo oitava edición do evento incluirá talleres, unha feira de emprego e conferencias, unha delas impartida por responsables do Ranchito, unha das empresas encargadas de dar vida aos personaxes de Juego de Tronos. O evento conta coa participación duns 1.500 asistentes do sector profesional entre os que se atopan os responsables de Netflix, HBO ou Paramount Pictures Animation.

 

A %d blogueros les gusta esto: