Deportes 31/05/2020

A Universidade da Coruña reabre a partir do próximo luns a pista de atletismo do estadio universitario de Elviña

by Victor Lamela

A Universidade da Coruña abrirá a partir do vindeiro luns 1 de xuño, a Pista de Atletismo do Estadio Universitario de Elviña seguindo un protocolo deseñado para limitar ao máximo as posibilidades de infección por COVID-19, que toma en consideración os factores de risco coñecidos ata o momento.

Este protocolo é de obrigado cumprimento por parte dos deportistas que queiran facer uso das instalacións da pista de atletismo do Estadio de Elviña e será plenamente vinculante, sen prexuízo das normas que se publiquen por parte da autoridade competente durante o transcurso da pandemia.

Poderán facer uso da instalación os membros da comunidade universitaria co Abono Deporte vixente, logo de facer a reserva correspondente, e os atletas federados dos clubs do Concello da Coruña que xustifiquen ante os responsables da Concellaría de Deportes a necesidade de adestramento en pista.

A Universidade da Coruña establece uns horarios e quendas de uso para maior seguridade, de luns a venres, de 08:45 a 20:45 horas; e de 08:45 a 14:45 horas durante o mes de agosto. As quendas de adestramento serán notificadas ás persoas interesadas. A duración máxima de cada quenda será de  2 horas e 15 minutos, deixando 15 minutos de peche entre as quendas de uso.

Normativa completa aquí .

A %d blogueros les gusta esto: