coruna 9th febrero 2019

A Xunta de Goberno local aproba a participación da Coruña na segunda fase do programa de agricultura urbana e alimentación sustentable Urbact, polo que a cidade capta case 50.000 euros de fondos europeos

by Victor Lamela

A Xunta de Goberno local ratificou esta mañá a participación da Coruña na segunda fase do programa Urbact de transferencia de coñecementos e boas prácticas no fomento da agricultura urbana e a alimentación sustentable con outras seis cidades europeas. Ao tempo, o órgano municipal aprobou aceptar a subvención europea que financia a creación desta rede de intercambio e aprendizaxe, cuxa achega global ascende a 403.546 euros, e dos que A Coruña recibe unha aportación de 47.110 euros que supón o 70% do orzamento total do proxecto para a cidade. A Coruña consolida así a súa participación neste rede, da que xa formou parte na súa primeira fase, xunto a Roma (Italia) Vilnius (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal). O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salienta que a presenza da Coruña nesta rede supón “un recoñecemento tanto ao seu posicionamento e aposta polas políticas de a prol da economía circular e no eido da agricultura ecolóxica como á posta en marcha de medidas transversais e con múltiples efectos positivos para o medio e a creación de comunidade como son as ecohortas urbanas da cidade”.

“Traballar e aprender con grandes e medianas urbes de Europa danos unha oportunidade intanxible de seguir a mellorar os nosos proxectos e coñecer novas aproximacións á agricultura urbana que se dan no continente. E tamén serve para que se recoñeza o noso labor como un referente en Europa. As hortas da cidade, que seguirán crecendo este ano no parque de Oza, son, xunto con outros proxectos, un paso máis cara a unha cidade máis sostible, máis comunitaria e máis resiliente aos efectos do cambio climático”, indica Lema. Esta nova fase do programa Urbact esténdese ata decembro de 2020, mes no que A Coruña acollerá unha conferencia europea sobre horticultura e agricultura urbana para o peche de programa.

A iniciativa ten un orzamento total de 520.120 euros, dos que 403.546 son aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Neste marco, A Coruña recibe un total de 47.110 euros en dúas anualidades (22.855 para o presente ano e 24.255 no seguinte), tempo no que o Concello investirá 20.190 de fondos propios.

Trámites urbanísticos

A reunión da Xunta de Goberno local tomou tamén coñecemento, como é habitual, das licenzas e outros títulos habilitantes tramitados pola área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda nas últimas dúas semanas. En total, resolvéronse 157 expedientes entre o 22 de xaneiro e o 4 de febreiro, entre as que se concederon 20 licenzas urbanísticas, 58 obras con comunicación previa, 39 permisos de actividade en réxime de comunicación previa, 14 títulos para o exercicio de actividades con declaración responsable e 26 expedientes doutras tipoloxías entre as que se atopan seis denegacións, sete recursos de reposición e catro prórrogas.

A Concellería de Rexeneración Urbana tamén trasladou á sesión da Xunta do Goberno a concesión de licenza para legalizar unhas obras executadas pola Sociedade Cooperativa Galega de Vivendas Parque Ofimático, unha das tres cooperativas do parque. Este trámite de regularización é necesario para que o goberno local poida outorgar posteriormente a licenza de primeira ocupación a este inmoble, unha vez conte cos subministros necesarios e teña todos os trámites en regra. Así, o concelleiro Xiao Varela salientou que “o goberno local continúa dando os pasos necesarios para que todas as cooperativas teñan, por parte do Concello, a licenza de primeira ocupación que lles permitirá entrar nas súas vivendas”.

Así mesmo, a reunión do executivo aprobou a declarar a nulidade de pleno dereito da licenza concedida a Utramic SL en 2014 para a reforma e ampliación da súa nave situada en Bens tras un proceso de revisión de oficio da mesma. A raíz dunha investigación, o Seprona da Guardia Civil solicitou ao Concello un informe da licenza concedida polo anterior goberno municipal, que concluíu coa constatación de diversos incumprimentos. Tras esta constatación, o Goberno local iniciou un procedemento de revisión de oficio da licenza por concorrer causas de nulidade. A reunión da Xunta aprobou tamén o proxecto de reurbanización da rúa Nosa Señora do Rosario, que mellorará o tránsito peonil da vía e unificará a súa imaxe co resto das rúas da Cidade Vella.

A %d blogueros les gusta esto: