coruna 16th noviembre 2018

A Xunta de goberno local inicia a tramitación dun modificativo de crédito destinado ao reinvestimento de 15 millóns de euros do superávit do pasado exercicio

by Victor Lamela

A Xunta de goberno local aprobará na súa reunión o proxecto de expediente dun modificativo no estado de gastos do orzamento municipal que ten como destino o reinvestimento de 15,1 millóns de euros correspondentes ao superávit rexistrado polo Concello o pasado exercicio. Este trámite deberá ser posteriormente validado pola maioría simple do Pleno. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indicou este xoves que a proposta municipal pasa, neste momento, por destinar esta cantidade a amortización de débeda, finalidade ordinaria do superávit segundo a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, reservándose a posibilidade de poder dedicar parte desta cantidade á execución de Investimentos Financeiramente Sostibles (IFS) se o Concello logra cumprir as premisas marcadas pola normativa estatal para poder acometer este tipo de gasto de carácter excepcional.

En rolda de prensa, Vieito fixo notar as dificultades coas que tanto o Concello da Coruña como o resto de entes municipais se enfrontan para poder acometer este tipo de investimentos extraordinarios. “A normativa estatal esixe o cumprimento de condicións tales como que non se supere o límite de endebedamento establecido no regulamento de Facendas Locais, cousa que o Concello cumpre, e que o anterior exercicio rematase con superávit en termos contables e con remanente de tesourería para gastos xerais positivo, obxectivos que tamén acadou este Concello, xa que o superávit de 2017 é de 18,3 millóns de euros e o remanente de 23,3 millóns”, comentou. Non obstante, ademais destas dúas condicións, a lei vixente engade outro requisito que non garda relación algunha co cumprimento do principio de estabilidade, e que consiste en que o último dato publicado do Período Medio de Pago a Proveedores (PMP) non supere o prazo máximo establecido na normativa sobre morosidade, que é de 30 días. “A estimación feita polos servizos municipais para o mes de outubro, a falta dos últimos datos, reflicte unha situación similar á de setembro, onde superamos o máximo establecido por escasos días, en concreto 3,61”, informou a concelleira, que indicou que os tempos de trámite son os que obrigan a iniciar xa a aprobación do expediente de modificación de crédito.

“Aínda que poderiamos esperar a cumprir o PMP no mes de novembro, os tempos requiridos para a tramitación do modificativo, que segundo a normativa aplicable tería que estar aprobado definitivamente antes de finalizar o ano, implican que debamos iniciar xa este procedemento, reservándonos, por suposto, a posibilidade de cumprimento do período medio de pago en novembro, que habilitaría un cambio no expediente para incluír proxectos de IFS”, explicou a concelleira Vieito.

A titular de Facenda enumerou distintas circunstancias que levaron ao empeoramento dos indicadores municipais do PMP nos últimos meses, como é a tardía aprobación en Pleno dun recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 1,3 millóns, así como a nova fórmula de cálculo establecida dende o Estado para este indicador e os maiores requirimentos da actual Lei de Contratos do Sector Público. “O recoñecemento extraxudicial de crédito que foi rexeitado inicialmente polo Pleno e que non se aprobou definitivamente até agosto lastrou de forma moi importante o período medio de pago, do mesmo xeito que o recoñecemento extraxudicial de facturas correspondentes ao IMCE por importe de case un millón de euros, que tamén foi rexeitado pola oposición e que non se aprobou até o mes de setembro. Estes atrasos foron a causa dun empeoramento do PMP de máis de 20 día”, explicou. “Pero tamén hai outra cuestión que incide de forma moi importante neste indicador, e que é a modificación da fórmula de cálculo, en vigor dende o pasado mes de abril, cando se empezou a incumprir tanto por parte do Concello como por parte doutras administracións”, dixo, para poñer como exemplo a situación da propia administración xeral do Estado. “A pesar de ser a institución que impón este requisito, co novo método de cálculo pasou de valores inferiores aos 30 días nos tres primeiros meses do ano a 48,45 días no mes de abril, continuando con valores superiores aos 30 días en todos os meses posteriores”, aclarou.

O terceiro motivo exposto pola concelleira como influínte no incremento do PMP é a entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público dende o mes de marzo de 2018, “xa que os novos requirimentos formais esixidos para a tramitación de contratos menores está a dilatar os tempos necesarios para a tramitación das facturas deste tipo de contratos”.

No mes de marzo, o PMP do Concello da Coruña estaba dentro dos límites do cumprimento, en 27,7 días, mentres que en abril, coa entrada en vigor da nova fórmula de cálculo, pasou a 42,92 días. O mes de xuño foi o que rexistrou un valor máis elevado, de 57,27 días. A partir dese mes, e logo de que o Pleno aprobase o recoñecemento extraxudicial pendente e se pagasen as facturas correspondentes, o PMP comezou a reducirse até acadar os 33,61 días rexistrados no mes de setembro, “algo que demostra a importancia do peso, de máis de 20 días, desas facturas que foron rexeitadas”. “É moi probable que de non terse modificado a metodoloxía de cálculo, o PMP do Concello no mes de setembro fose inferior aos 30 días, co que teriamos cumprido o requisito estipulado”, apuntou.

Ao fío, a concelleira de Facenda fixo fincapé en que “as entidades locais levamos anos demandando que se permita o libre investimento do superávit xerado, así como criticando que entidades como o Estado, que non cumpren coas súas propias normativas sobre o PMP, obriguen aos concellos a amortizar débeda, a non ser que as entidades cumpran cun requisitos aos que eles nin tan sequera chegan”. A este respecto, salientou que a administración xeral do estado pasou de pagar aos seus provedores en 26,38 días de media en marzo a facelo en 48,45 días de media en abril e 46,89 en setembro.

A %d blogueros les gusta esto: