coruna 13/05/2016

Ábrese o prazo de inscrición para o Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, mediante o cal o Concello incorporará a tres grupos galegos ao cartel do Festival Noroeste

by Victor Lamela

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición do Concurso de bandas e solistas da radio comunitaria CUAC FM. A área que dirixe José Manuel Sande establece este ano un marco de colaboración polo que, a través do concurso da emisora local, que celebra a súa XVIII edición, as tres bandas ou solistas locais ou galegas gañadoras actuarán no mes de agosto no Festival Noroeste, que este verán celebrará o seu 30 aniversario. A iniciativa do Goberno local enmárcase dentro da liña de apoio á creación local emerxente iniciada nos últimos meses pola Concellería de Culturas. Deste xeito, o concurso de CUAC FM, no que participaron máis de 2.000 bandas e solistas de todo o Estado desde a súa creación en 1997, pasará a ser do festival máis relevante da cidade, o Noroeste.

Poderán participar no Concurso todas aqueles grupos ou solistas residentes no Estado de calquera estilo musical ­incluídos aqueles proxectos editados cun selo discográfico independente ou cun contrato cunha distribuidora­ agás os de música clásica ou que xa editaran dous ou máis LP’s. O tribunal, que contará con 5 ou 7 compoñentes, estará formado por profesionais de recoñecida traxectoria musical. O fallo coñecerase o día 10 de xullo, e del sairán os tres nomes de solistas ou grupos de Galicia con maior puntación outorgada polo xurado que actuarán no Festival Noroeste, e cuxo concerto será remunerado con 600€. Da selección, como mínimo unha das agrupacións será da Coruña ou, polo menos, a metade das e dos seus compoñentes deberán estar empadroados na cidade.

As bandas que non resulten seleccionadas neste primeiro momento participarán directamente na segunda fase do Concurso, que se iniciará despois do Noroeste, do que sairán os nomes das e dos finalistas que participarán no Concerto Final de Concurso, que terá lugar o 1 de outubro na Sala MardiGras. O xurado determinará, unha vez rematado o concurso, o primeiro e segundo premio, que serán, xunto a unha actuación, de 800€ e 600€, tamén aportados polo Concello da Coruña. Finalmente, as propias socias e socios da radio comunitaria outorgarán o premio Pico de Pato á mellor banda da Coruña e área metropolitana, que consistirá nun premio en metálico para a banda que máis puntuación teña, e unha actuación nun dos eventos que organice a emisora nos doce meses posteriores á entrega do premio.

Todas as bandas que desexen participar poderán inscribirse no portal www.cuacfm.org/concursodebandas. Deberán enviar dúas cancións propias en MP3 ou formato físico antes do 20 de xuño ás 14.00 horas. Para máis información, as persoas interesadas deben escribir á dirección de correo c omunicacion@cuacfm.org ou chamar ao teléfono 981.14.00.45 de luns a venres de 10 a 14 horas e de 17.30 a 20.30 horas.

A %d blogueros les gusta esto: