coruna 29/01/2020

Adaceco inaugura en Culleredo o único centro de día especializado en DCA da área sanitaria da Coruña

by Victor Lamela

Adaceco inaugurou esta mañá o único centro de día especializado en dano cerebral adquirido (DCA) da área sanitaria da Coruña. O acto contou coa presenza, entre outros, da presidenta da entidade, Carmen Fernández, a tenente alcalde de Culleredo, Lupe Pombo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

O no centro, situado na rúa Irmáns Suárez Ferrín do concello de Culleredo, conta con case 300 m2 e capacidade para 30 persoas. Ofrece unha atención integral e especializada para persoas con dano cerebral adquirido que combina e integra múltiples disciplinas para ofecer un tratamento rehabilitador (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, etc.) en modalidade de estancia diurna. Ademais conta cun servizo de comedor para as persoas usuarias que o soliciten.

A inauguración enmárcase no 20 aniversario da entidade, tal como apuntou a presidenta de Adaceco, Carmen Fernández. “”2020 é un ano moi especial para nós. Hai 20 anos que abrimos as portas da nosa asociación e neste tempo comprobamos como aumentou o número de persoas con DCA, actualmente máis de 35.000 en Galicia…por iso decidimos dar un paso máis e apostar por este novo centro de día, o único especialziado en DCA da área sanitaria da Coruña”, afirmou.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, incidiu tamén nas dúas décadas de historia de Adaceco, que converten á entidade “nun referente na atención integral ás persoas con dano cerebral adquirido”.

“Co doado que é descubrir unha placa e todo o traballo que hai detrás para que sexa posible”, afirmou González Formoso, que destacou a importancia de que as persoas afectadas por DCA podan contar con apoios durante a súa rehabilitación como os que ofrece Adaceco, “con magníficas profesionais coma as que traballades aquí”, apuntou.

A Deputación da Coruña colaborou con 30.000 euros no acondicionamento  e adquisición de material terapéutico deste novo centro de día de Adaceco en Culleredo, pero a colaboración coa entidade vén de lonxe, pois moitos dos seus programas  de rehabilitación física e neuropsicolóxica ou  logopedia contan co apoio económico da área de Benestar Social da Deputación, que nos últimos anos tamén cedeu vehículos de transporte adaptado para os desprazamentos dos seus usuarios e usuarias.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o seu departamento “traballa da man cunha entidade social que é unha referencia en Galicia”, cunha longa traxectoria de 20 anos dedicada a “mellorar a calidade de vida das persoas con DCA e das súas familias”.

A conselleira apuntou que o seu departamento “traballa no incremento de prazas de atención para persoas con DCA” e manifestou o compromiso do goberno galego de “prestar cada día a mellor calidade asistencial”.

A %d blogueros les gusta esto: