coruna 06/12/2015

Alberto Lema salienta o éxito do Boucatise, “que cumpriu o obxectivo de proxectar a gastronomía coruñesa e poñer en valor o mercado de San Agustín”

by Victor Lamela

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, entregou na tarde deste sábado o premio e os diplomas aos finalistas e gañadores do Concurso Bocata Gourmet, celebrado no marco do Boucatise, o I Festival Bocata Gourmet organizado polo Concello e que desde a mañá ateigou o mercado de San Agustín con centos de persoas. O responsable municipal salientou, neste sentido, que a iniciativa municipal cumpriu o seu obxectivo, “que era proxectar a gastronomía coruñesa como un dos atractivos desta cidade, e o turismo gastronómico, e, ao tempo, poñer en valor o mercado de San Agustín, unha instalación singular, cun gran valor arquitectónico e patrimonial”. “Esgotáronse as existencias e os cociñeiros xa están pedindo facer máis, e facelo de inmediato”, comentou o responsable municipal, que se declarou “moi satisfeito” polo resultado do evento gastronómico, no que se venderon máis de 3.500 bocadillos. En canto ao Concurso Bocata Gourmet, o primeiro premio foi para Jessica Mateo, da Escola Álvaro Cunqueiro, que presentou o bocadillo ‘Mórdete a lingua escabechada’, e que competía cos de José Torrado, Diego Pérez e Enrique José Fariña, que acadaron o segundo, terceiro e cuarto postos.

unnamed

Esta I Edición do Boucatise congregou no mercado de abastos a profesionais da hostalería, negocio, escolas hostaleiras e moito público, que desde as 12.30 horas e ata as 18.00 achegouse para probar
as especialidades en bocadillos, preparadas polos responsables de oito negocios da cidade, como son o Restaurante Domus Casa Pardo, o Culuca, o Restaurante Alborada, o Restaurante Pablo Gallego, O Tío Xan, o Boca Negra, O Lagar da Estrella e o Roots Coruña, que puxeron toda a súa creatividade nas propostas culinarias do Espazo Bocata Gourmet. Ademais, durante a mañá tiveron lugar dous s howcooking gratuítos, a cargo de Luis Veira –propietario do restaurante con estrela Michelín Árbore da Veira– e Iván Domínguez –director gastronómico do grupo Alborada, que tamén ten unha estrela Michelín–, dúas exhibicións que esgotaron o cupo de inscrición. O mesmo aconteceu cos tres talleres infantís, que serviron para achegar os primeiros conceptos gastronómicos entre os máis novos. A xornada estivo amenizada pola música do DJ Cuco.

A %d blogueros les gusta esto: