coruna 10/10/2020

Ana Miranda denuncia na Comisión Europea as vulneracións da normativa comunitaria na mina de Santa Comba

by Victor Lamela

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de poñer en coñecemento das autoridades europeas, a través dunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea, as vulneracións da normativa comunitaria que o goberno galego permite a respecto da mina de Santa Comba. “Temos que denunciar que o Goberno galego fai a vista gorda coa minería en Galiza mesmo incumprindo requisitos de protección ambiental europeos e internacionais”, salienta.

Neste sentido, Miranda explica que pese a existencia de informes que indican que a mina de Santa Comba, -pechada en 1986 e cuxa concesión debía ter vencido en 2008- debería contar coa avaliación de impacto ambiental, o goberno galego permitiu que dúas empresas adquiriran as concesións e aprobou os proxectos ignorando as directivas comunitarias. “Pero non só atopamos vulneracións normativas sobre a ausencia de avaliación do impacto ambiental, senón tamén a respecto da participación pública”, sinala.

“É inadmisible que o goberno galego impida sistematicamente o acceso á información ambiental sobre esta mina, de forma que viola a Convención de Aarhus e a Decisión do Consello de 17 de febreiro de 2005 sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente”, sinala Ana Miranda quen considera que a Comisión Europea debe pedir explicacións á Xunta de Galiza sobre o desenvolvemento deste proxecto e o incumprimento da normativa comunitaria.

 

Comisión de Peticións

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa explica que na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo presentouse unha petición (511/2020) referida a esta mina. Ao respecto lembra que a Comisión de Peticións xa tratou en diversas ocasións os problemas da megaminería contaminante en Galiza.

Así, na súa sesión do 2 de outubro de 2019, foi debatida unha denuncia referida á mina de San Finx, mentres que na sesión do 12 de novembro, foron tratadas tres denuncias sobre a mina de Touro, que quedaron abertas co apoio da maioría dos grupos políticos con representación na comisión parlamentar pese as manobras do PP para tentar pechalas. “Utilizaremos todos os mecanismos ao dispor da cidadanía para que se cumpra a lexislación e evitar danos ambientais irreparables”, asegura.

A %d blogueros les gusta esto: