coruna 04/04/2021

Ana Miranda reclama responsabilidade ao goberno galego no investimento de todos os fondos europeos

by Victor Lamela

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica a ineficacia da Xunta ao non gastar a totalidade dos fondos europeos do Marco Financeiro Plurianual 2014-2020 e reclama responsabilidade ao goberno galego de cara ao investimento dos cartos correspondentes ao periodo actual. “Do Marco Financeiro Plurianual anterior a Xunta deixou de 1.400 millóns de euros sen gastar, que o goberno galego podería ter utiiizado para resolver os problemas de Galiza”, explica Miranda.

“É unha total irresponsabilidade que galego non invista até o último euro que vén de Bruxelas”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen afirma que eses fondos poderían ser utilizados para solventar os problemas de país relacionados co desemprego da mocidade. Do período 2014-2020, sobre os fondos FEDER, -que teñen como obxectivo a redución das diferenzas entre o rural galego e as zonas urbanas, así como axudar ao desenvolvemento das zonas afectadas pola transición industrial e as zonas cunha escasa densidade de poboación como é o caso do rural galego-, a finais de 2020 só estaban o 78% comprometidos.

A respecto dos fondos FEADER, -que buscan fomentar a competitividade da agricultura, garantir a xestión sustentable dos recursos naturais e a acción polo clima para lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego-, a finais de 2020 só estaba o 70% comprometido. Sobre os FSE, -que contribúen á cohesión económica, social e territorial, principalmente a través da mellora da taxa de emprego, e á a integración sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos, o aumento da formación, a diminución do fracaso escolar e a mellora do sector investigador-, a finais do ano pasado só estaba o 38% gastado.

“Lamentamos que Feijóo desaproveite numerosas oportunidades para poñer fin ao desequilibrio territorial das zonas rurais respecto das urbanas”, manifesta Ana Miranda, quen sinala como exemplo os problemas relacionados coa fenda dixital que existen en numerosas zonas do rural galego.

Falta de transparencia

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa criica a falta de transparencia a respecto da execución dos fondos europeos, e defende a necesidade de mellorar os indicadores de seguimento do uso deses fondos e cumprir a recomendación feita polo propio Consello de Contas, como por exemplo no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018. “O goberno galego “debería tomarse en serio o cumprimento dos estándares europeos relacionados coa transparencia porque estamos nos piores índices, como algúns países da Europa do leste”, apunta.

A %d blogueros les gusta esto: