Ayuntamiento 2nd diciembre 2018

Apertura de dous novos locais de uso comunitario en Novo Mesoiro

by Victor Lamela

​​A cidadanía disporá dende mañá, 3 de decembro, de dous novos locais TEU para uso compartido e comunitario que están situados no barrio de Novo Mesoiro. O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá no acto de apertura dos dous espazos, situados na rúa Ribeira Sacra, e que representan, dixo, “un novo modelo de xestión inclusivo coa cidadanía, nos que poda participar a veciñanza de xeito directo e que fuxa de tutelas”. O rexedor ratificou o compromiso do Goberno local “para ensanchar a democracia e continuar establecendo políticas irreversibles, de proximidade e transformadoras para a vida social e comunitaria da nosa cidade”. Unha liña de acción na que enmarcou os TEU, Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña, que poden solicitar para o seu uso tanto os veciños e as veciñas de maneira individual como as entidades e asociacións do municipio. Estes dous novos locais veñen ampliar esta rede de espazos, que se estreou o pasado mes de outubro coa posta en funcionamento do Faro de Oza, “que está a ter unha moi boa acollida como indica a máis de 700 persoas que empregaron as instalacións só no primeiro mes de uso”, indicou Ferreiro. No acto de apertura, que conta con actividades abertas e gratuítas durante toda a xornada, participou tamén a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso.

 


O rexedor manifestou que o Goberno local “está a dar pasos para superar os modelos únicos e pechados de xestión, os modelos verticais que non contan con ninguén e abrir o abano” como maneira de implicar e crear vías para que a cidadanía poida participar na súa gobernanza. Dentro desta liña política, citou os orzamentos participativos, que permiten á veciñanza propoñer proxectos e decidir cada ano o destino de tres millóns de euros do presuposto municipal ou o proceso colaborativo para decidir o uso e a xestión das naves do Metrosidero, que finaliza neste mes de decembro. Ferreiro avanzou tamén que a Concellería de Participación e Innovación Democrática está a traballar para seguir ampliando a rede de espazos TEU “dos que a cidadanía poida dispoñer para organizar encontros familiares, obradoiros, sesións de cine, encontros de asociacións e moitas outras cousas”.
Dous modelos de uso
Os dous locais da rúa Ribeira Sacra están pensados para dar resposta a unha das necesidade de Novo Mesoiro, como é a disposición de espazos públicos para o uso da veciñanza, especialmente nun barrio no que vive moita xente nova. Por iso, os dous espazos municipais teñen dous sistemas para o seu uso. Por un lado, estarán abertos para o uso común do barrio pero, como acontece do faro de Oza, tamén poderán ser solicitados por calquera veciño ou veciña para eventos particulares. Deste xeito, os dous locais de Ribeira Sacra estarán abertos durante todas as tardes de luns a venres, con persoal de apoio, para calquera persoa que queira achegarse e facer uso do espazo, que ten postos de lectura e conexión a Internet por wifi, en horario de 17.00 a 20.30 horas. No tempo restante, calquera persoa ou entidade poderá reservar o espazo de maneira gratuíta e previa solicitude. Isto será durante as fins de semana e as mañás, as tardes dos venres (entre as 20.30 e as 22.00 horas), durante todas as tardes do mes de xullo e todo agosto (durante toda a xornada) seguindo a mesma modalidade que se aplica en Oza.
Durante as tardes de luns a venres non será preciso facer unha solicitude de uso do local no caso de persoas individuais, pero si será un trámite obrigatorio no caso de que algunha entidade ou persoa queira facer alí unha actividade grupal. Neste caso, a petición debe ser formalizada de forma presencial e cun mínimo de antelación de tres días. En principio, e para dar pluralidade de uso ao local, non poderán levarse a cabo actividades, obradoiros e cursos de forma continuada
durante varias semanas.
No caso de unha persoa, entidade ou colectivo radicado no termo municipal queira solicitar o uso puntual e reservado dalgún dos espazos TEUs de Novo Mesoiro será necesario, como no caso do Faro de Oza, que presenten a súa petición ou ben por rexistro no punto habilitado no centro cívico de Novo Mesoiro, en María Pita, no Fórum Metropolitano ou no Ágora, ou ben a través da sede electrónica na páxina do Concello. Os formularios de solicitude estarán presentes nos puntos físicos indicados e poderán descargarse na web municipal de Participación Cidadá. Neste caso, poderán solicitarse datas dentro do mes en curso e até dous meses vista como máximo. A antelación mínima de petición é de 7 días naturais.
En todo caso, as actividades que alí se realicen non podes supoñer unha molestia para a veciñanza, nin ter ánimo de lucro. Así, a venda de produtos, entradas ou outras actividades económicas estarán prohibidas, do mesmo xeito que non estará permitido o consumo de bebidas alcohólicas e/ou drogas. A persoa solicitante (maior de idade e empadroada na Coruña) debe encargarse a recoller o lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.
Características dos locais
O baixo de titularidade municipal situado no número 15-1 da rúa Ribeira Sacra ten unha superficie útil de 80 metros cadrados, mentres que o do número 17 suma 106 metros cadrados. O primeiro conta coa maioría de superficie en planta baixa, aínda que ten un espazo pequeno en planta superior. Está equipado con cociña con forno e campá extractora, mamparas separadoras, mobiliario básico, postos individuais de lectura, estudo e traballo con conexión á rede wifi ​e aseos. O segundo local conta cunha plataforma de madeira elevada para pequenas actuacións, mamparas separadoras, mobiliario básico, postos individuais de lectura e traballo con conexión, cañón proxector, toma de auga e vertedeiro e aseos.

A %d blogueros les gusta esto: