coruna 17th noviembre 2018

Avia Veira: “Para que acordou o Goberno da Marea Atlántica a caducidade da concesión do transporte publico hai dous anos se non tiña realmente unha proposta alternativa e co obxecto de facer unha nova licitación? Para nós é un fracaso político porque entendemos que podería ter sido unha transformación radical da mobilidade na Coruña”

by Victor Lamela

O BNG vén de realizar unha rolda de prensa previa á decisión da Xunta de Goberno onde se resolveu a continuidade da concesión do transporte público colectivo a favor da Compañía de Tranvías logo de acordar a súa caducidade en novembro de 2016.

Nesta comparecencia, a formación nacionalista sinalou esta decisión como un fracaso político que amosa a falta dun proxecto en materia de mobilidade do Executivo da Marea Atlántica.

Asemade, desde o Bloque pregúntanse o por que a Área de Mobilidade resolveu no seu momento esta caducidade, realizada de forma inesperada e decidiu aplicar o Regulamento (CE) 1370/2007, se non tiña una proposta alternativa seria e rigorosa, polo que cualifican a decisión tomada en novembro de 2016 como improvisada.

“Foi simplemente para conseguir un titular? Foi para dicir que se facía algo? Ou simplemente foi unha improvisación efectista? O seguro é que se perderon dous anos nos que se podería ter formulado unha transformación radical da mobilidade na cidade e no se podería ter avanzado en cuestións prácticas, do día a día que afectan ás persoas: a reordenación de liñas, o aumento de frecuencias, a ampliación de horarios etc, cuestións todas elas que se adían sine die e que amosan unha neglixencia e o que nós consideramos unha tomadura de pelo para coa veciñanza”, denunciaba na rolda de prensa a portavoz nacionalista Avia Veira.

Do mesmo xeito, na comparecencia, a formación nacionalista sinalaba que, despois das múltiples preguntas e interpelacións realizadas en Pleno en todo este período desde a resolución da caducidade, o concelleiro de Mobilidade Sostíbel Daniel Díaz Grandío enganou nas súas intervencións nas que se gababa do acordo desta, ademais de xustificar que non estivese lista a reordenación das liñas polo inmenso traballo que se estaba a realizar para a nova licitación cousa que non se vai producir.

Así, as nacionalistas acúsano dunha “fuxida cara diante” que só será resolta pola próxima corporación que saia das eleccións municipais de 2019, e consideran este mandato totalmente perdido en materia de mobilidade.

“O certo é que o resumo deste mandato será que nin aproveitou unha oportunidade histórica para dar fin a unha concesión leonina que condiciona todos os anos as arcas municipais e que ofrece un servizo por todo o mundo cualificado como desastroso, nin se traballaron aspectos concretos sobre a mobilidade que puideran ter sido, canto menos, paliativos da situación, e que puxeran o transporte público ao servizo da veciñanza, como puideran ser a construción do carril bus, prometido pola Marea Atlántica no seu programa electoral, ou a modificación do método de pago para facilitalo e facelo máis áxil. En definitiva, só é cualificábel como un fracaso político”, concluía Avia Veira.

A %d blogueros les gusta esto: