Ayuntamiento 10th abril 2019

AVISO IMPORTANTE: Os traballos de repavimentación en San Andrés e Rúa Nova provocan, desde hoxe, o corte total á circulación en horario laboral

by Victor Lamela

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda acaba de iniciar os traballos de reparación do pavimento das lastras que conforman a calzada das rúas Nova, San Andrés e Pórtico de San Andrés. A intervención, que se desenvolverá desde hoxe e durante as vindeiras semanas, consistirá no levantamento das lastras que presentan actualmente defectos e, á vez, na retirada do morteiro sobre as que se asentan. Tal e como explica o concelleiro Xiao Varela, a circulación de vehículos na zona a velocidade reducida e trazado rectilíneo provocou dislocacións nas laxas por culpa da argamasa situada na base, o que supuxo a creación de fochancas e defectos de desnivel no firme, o que pode supoñer molestias para usuarias da vía.

Unha vez que se leve a cabo a retirada do pavimento, reporase con morteiros de “alta resistencia e rápido fraguado”, segundo informa Varela. Logo da extensión da masa, reporanse e recolocaranse as lastras retiradas mediante un procedemento de nivelación e asentamento con martelo de goma. “No caso de que as pezas existentes presenten roturas, reporanse con lastras de características xeométricas e morfolóxicas semellantes”, apunta o edil. Ao fío, o responsable municipal salienta que a característica principal da colocación reside nunha técnica que “garantirá un firme máis compacto mantendo e que manterá a liña estética do pavimento de lastras”.

Os traballos suporán o corte total da circulación a vehículos na zona en horario diúrno, segundo informa a Concellería de Mobilidade Sostible. Así, na rúa Nova, na que se intervirá sobre un total de 14,5 metros cadrados, o corte manterase desde hoxe e até o venres 12, en horario de 11.00 a 18.00 horas. No caso da rúa San Andrés, na zona situada entre o cruzamento co Pórtico de San Andrés e a rúa Torreiro, e que supón unha intervención sobre 39 metros cadrados de lastras, as actuacións acometeranse desde hoxe, e ao longo de cinco xornadas de traballo, entre as 09.00 e as 18.00 horas da tarde. Deste xeito, e en ambos casos, as vías abriranse á circulación do tráfico de xeito habitual a partir das 18.00 horas.

Unha vez rematen estas intervencións, e aproveitando a coordinación dunha obra de Emalcsa na zona, iniciaranse os traballos análogos de reparación do lastrado na rúa Pórtico de San Andrés.

A %d blogueros les gusta esto: