Trafico 05/05/2019

AVISO: Os traballos de renovación do firme na zona de San Andrés terán continuidade desde mañá, con modificacións na circulación do tráfico

by Victor Lamela

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda dará desde mañá continuidade á intervención de renovación do pavimento das lastras que conforman a calzada das rúas Nova, San Andrés e Pórtico de San Andrés, iniciada no mes de abril. Esta nova fase, que terá lugar no Pórtico de San Andrés, chega logo da finalización dos traballos nas anteriores vías e en coordinación cunha obra de Emalcsa de renovación da súa rede de subministro na zona. A actuación dos servizos municipais, que se estenderán até o 14 de xuño en horario de 10.00 a 18.00 horas, suporá a modificación da circulación do tráfico no ámbito. Este desviarase pola rúa Cordelería, que cambiará de sentido, en dirección ao Paseo Marítimo. Na rúa Cancela anularase o xiro á esquerda e no cruzamento entre a rúa Alta co Paseo Marítimo establecerase, nas horas punta, presencia policial para facilitar a circulación.

A actuación suporá tamén a modificación dos itinerarios das liñas de autobús urbano 4, 5, 6, 6A, 7 e 11, que circularán a partir de mañá por rúa Orzán, Alta, Paseo Marítimo –con parada fronte ao centro de saúde–, Modesta Goicouría e praza de Pontevedra. A parada da rúa San Andrés-Africano trasladarase á rúa Orzán, á altura do número 86 –xunto ao supermercado Gadis–, e a da praza de Pontevedra-Eusebio da Guarda realizarase na praza de Pontevedra, 18 –ao carón da perfumería Arenal–.

Por outra banda, o Concello iniciará tamén mañá a construción dunha beirarrúa na estrada de Nostián, entre a entrada ao núcleo e a subida ao polígono de La Artística, unha vía con curvas pechadas e que empregan tanto camións cisterna coma autobuses. Os traballos, nos que se investirán 234.787,18 euros, pretenden facilitar un percorrido accesible ao núcleo máis illado do termo municipal, cercado por diferentes infraestruturas e recintos industriais, que até o de agora só contaba cun traxecto peonil máis seguro a través das pistas dos núcleos pertencentes ao Concello de Arteixo. A actuación, que responde a unha reiterada demanda veciñal, mellorará tamén as condicións de acceso aos recintos da Refinería e ás naves da contorna para as persoas traballadoras dende seus estacionamentos.

A %d blogueros les gusta esto: