coruna 11th junio 2019

Case 400 bailadores danzaron ao son da Volandeira no XXXIII Día da Muiñeira de Arteixo

by Victor Lamela

Arteixo acollía onte a 33ª edición do Día da Muiñeira que ano tras ano organiza a A.X. Xiradela. Unhas 1.000 persoas, sumando público e bailadores, déronse cita no Campo da Festa de Arteixo para gozar da música e o baile tradicional. Un total de 36 grupos, pertencentes a 14 asociacións chegadas de toda a comarca aportaron un total de 391 bailadores e bailadoras que, por tres veces, puxeron en liza puntos e voltas ao son da muiñeira A Volandeira.

Antes de bailar os grupos desfilaron polo paseo fluvial ao son de pasarrúas desde o anfiteatro, ao carón do Centro Cívico, ata o Campo da Festa onde se procedeu ao baile conxunto da peza en tres ocasións, con descansos entre cada unha das veces.

A cita, que estivo presentada polo documentalista arteixán Xabier Maceiras, abriuse coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia. Ao final do baile, os colectivos participantes recibiron un obsequio en lembranza do seu paso pola cita e achegouse aos bailadores unha merenda. Participaron na entrega deses obsequios  José María Sánchez Novo, 1º Tenente de alcalde, concelleiro de persoal e réxime interior do Concello de Arteixo, Fina Zas, concelleira de maiores e actividades sociais, Ana María Bello, concelleira de cultura e festas (todo eles en funcións).

O presidente da A.X. Xiradela, Manuel Aldao, dirixiuse aos asistentes agradecendo a asistencia a un acto do que, como apuntou, “os bailadores e bailadoras son os grandes protagonistas”.

Todos os meses de xuño, desde 1987, a A.X. Xiradela propón esta cita cultural e social na que se busca realzar a peza máis emblemática do noso folclore: a muiñeira. Ano tras ano o evento suma adeptos e incrementa as súas cifras de participación.

A %d blogueros les gusta esto: