Uncategorised 14/07/2020

¿Como sera el proximo curso en Galicia con el Covid-19? Tenemos la respuesta

by Victor Lamela

La Xunta acaba de avanzar:

A Xunta realizaralle test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos antes do inicio de curso. Así o acordaron as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Sanidade na xuntanza mantida esta mañá para abordar o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021, elaborado por ambos departamentos e que será analizado na mesa sectorial do ensino non universitario este xoves. O documento estrutúrase en catro tipos de medidas: de prevención básicas, que afectan ás condicións laborais, de carácter organizativo e de carácter formativo e pedagóxico. Nelas establécense como principais accións para a contención da pandemia nos centros de ensino o establecemento de Grupos de Convivencia Estable, manter a distancia interpersoal, o uso de máscaras e a hixiene.

O documento diríxese ao alumnado, ao persoal docente e non docente e ás familias, dado que manter a seguridade nos centros depende de toda a comunidade educativa. Trátase dun protocolo avalado polas autoridades sanitarias autonómicas e que será obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais.

Ademais, en vindeiros días a Consellería porá á disposición da comunidade educativa unhas instrucións para organizar o inicio do curso desde o punto de vista académico. Estase a elaborar tamén un protocolo específico para os Centros de Educación Especial, que atenda as peculiaridades deste alumnado.

Principios sanitarios básicos e distancia interpersoal

No que atinxe aos principios sanitarios básicos, incluídos nas Medidas de prevención básicas, cada centro deberá contar cun equipo formado na Covid-19 cunha persoa coordinadora de referencia, e terá un centro de saúde de atención primaria de referencia para contacto en caso de dúbidas.

Todo o persoal (docente e non docente) e o alumnado deberá realizar cada día unha auto diagnose (para a que se achega un modelo no propio documento), e contactar co centro de saúde se se presentan síntomas. Ademais, cada centro contará cun espazo de uso individual para illar ao alumnado que presente síntomas, mentres se xestiona o seu traslado.

A distancia interpersoal recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos é de 1 metro, para que o alumnado estea sen máscara, sempre e cando permaneza sentado na aula en pupitres e coa mesma orientación. No caso de que estas distancias non se puidesen cumprir polo tamaño da aulas, retirarase o mobiliario que non sexa indispensable ou empregaranse aulas de maior dimensión e, como última medida, será necesario o uso da máscara en todo o horario lectivo.

Todos os membros da comunidade educativa terán que usar a máscara fóra das aulas, onde a distancia que se deberá manter será de 1,5 metros. Isto é, será obrigatorio o uso da máscara para circular polos corredores (agás alumnado de Infantil), nas entradas e saídas ao centro, nos recreos, nas entradas e saída do comedor escolar e na biblioteca e, cando non se poidan manter os 1,5 metros, na clase de educación física.

No caso de Educación Infantil e Primaria poderase optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula, ata un máximo de 25 alumnos, que xunto á persoa titora poderán conformar Grupos de Convivencia Estable. Nestes grupos poderase socializar e xogar sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita, aínda que deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo.

Polo demais, as medidas serán as habituais para a contención da pandemia, como a  hixiene de mans, especialmente á entrada e saída do centro; instalación de portapanos desbotables; ou a desinfección dos postos de traballo, entre outras. De feito o propio documento inclúe tamén medidas xerais de limpeza, como a de limpar polo menos 3 veces os aseos na xornada. Cada centro deberá ter, en calquera caso, un protocolo de limpeza e desinfección que responda ás súas características particulares.

En canto á subministración de material de protección, a Consellería realizará un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección destinadas ao persoal docente e non docente. O resto do material (xel hidro alcohólico, panos desbotables, materiais de limpeza e desinfección, papeleiras de pedal e máscaras, cando sexan insuficientes) comprarano os centros con cargo aos gastos de funcionamento.

Xestión dos abrochos

Neste epígrafe de Medidas de prevención básicas tamén se inclúe un apartado específico para a xestión dos abrochos. Neste sentido, as persoas que teñan síntomas ou estean en illamento ou corentena pola Covid-19 non deberán asistir ao centro. Diante da sospeita dun caso, illarase á persoa nun espazo separado de uso individual, con máscara, e contactarase coas autoridades sanitarias e coa familia (se se trata de alumnado).

No caso de que se produzan varios contaxios nunha mesma aula, etapa ou centro, as autoridades sanitarias poderán ordenar o peche das mesmas, tendo en conta os supostos que se indican no documento (polo menos 3 infectados nos últimos 7 días). Así mesmo, se hai un positivo, a autoridade sanitaria obrigaralle á entrada en illamento de polo menos 10 días e as persoas que teñan consideración de contacto próximo estarán en corentena 14 días. No caso de producirse o peche, o documento inclúe un proceso de reactivación por fases, que en todo caso se adaptaría a cada situación particular.

No que atinxe ás medidas que afectan ás condicións laborais, con carácter xeral todas as persoas realizarán o seu traballo, sempre que a súa condición clínica estea controlada e o permita, e mantendo as medidas de protección de forma rigorosa. O texto inclúe o proceso que seguirá o traballador para a solicitude de inspección médica que determine que é persoa especialmente vulnerable.

Plan de adaptación

Na epígrafe de Medidas de carácter organizativo establécese que cada centro deberá elaborar un Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/2021, de conformidade co modelo que se xunta como Anexo V do documento, e cos planos que se indican tamén nos anexos. Este plan deberá ser coñecido por toda a comunidade educativa, para fomentar a súa aplicación e cumprimento.

Ademais, cada centro elaborará un Plan de continxencia, de conformidade co modelo do Anexo VI do documento. Nel estableceranse as medidas en caso de suspensión da actividade lectiva, as medidas para facer efectivo o ensino a distancia e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial. O documento inclúe, así mesmo, indicacións para a entrada e saída do centro, circulación polos corredores, cambios de clase, etc, o que inclúe a posibilidade de flexibilizar horarios.

Comedor e transporte escolar

O uso de comedor, tanto de xestión directa como indirecta e con independencia de quen preste o servizo, quedará limitado á capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros, ou 1 metro se non están uns fronte a outros. Para aumentar a capacidade do servizo poderán facerse varias quendas, en función da capacidade horaria do transporte e do persoal dispoñible para atender aos comensais. En calquera caso, procurarase que o alumnado sente no comedor agrupado por aulas, para manter a continuidade do grupo.

No caso do transporte escolar, o aforo dos vehículos será o determinado en cada caso polo órgano autonómico ou estatal competente. Inicialmente poderán ser empregadas todas as prazas do transporte escolar, sempre con uso de máscara por parte dos transportados e da persoa condutora.

Biblioteca e espazos compartidos

En xeral a biblioteca escolar poderá ser usada ata o 50% do seu aforo e haberá un protocolo de acceso á mesma. Nela aplicaranse as normas de uso e funcionamento aplicables ás aulas ordinarias e manterase o préstamo de libros, se ben deberán deixarse en corentena polo menos 24 horas cando se devolvan.

No caso de materiais e aulas de uso compartido (por exemplo material deportivo, xogos, aula de música) evitarase na medida do posible o uso colectivo. En calquera caso todo o material deberá ser desinfectado.

Canto ás clases de educación física, tamén se fomentarán as actividades individuais, e será obrigatorio o uso de máscara cando non se poida manter a distancia de 1,5 metros. Nos aseos, o aforo estará limitado a un terzo.

O documento establece o uso obrigatorio de máscara nos recreos. De ser posible, estableceranse ademais quendas e grupos, co obxectivo de evitar unha grande afluencia de alumnado ás mesmas horas e nos mesmos espazos. Na medida do posible, limitaranse espazos para que un grupo de 50 alumnos poida estar a unha distancia de polo menos 1,5 metros entre si. Se non se desen estas condicións, os centros poderán optar, por exemplo, por facer recreos na aula.

Medidas de carácter formativo e pedagóxico

O equipo Covid de cada centro asegurará que chega a toda a comunidade educativa a información sobre os protocolos de actuación e as medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde implantadas no centro. Ademais, desenvolveranse actividades de educación para a saúde sobre a Covid-19, co fin de que o alumnado sexa axente activo na mellora da saúde da comunidade educativa.

A Consellería de Sanidade e o SERGAS impartirán, a través da presenza de profesionais no centro ou por teleformación a formación necesaria sobre as medidas xerais de prevención e protección, que tamén se incluirá no Plan de formación do profesorado para o curso 2020/2021.

Aulas virtuais e ensino a distancia

Pechando a epígrafe de Medidas de carácter formativo e pedagóxico, o documento indica que se empregará a Aula Virtual da que dispoñen todos os centros, de ser o caso e nos supostos de educación a distancia, polo menos co alumnado de 3º de Primaria en diante. Cada alumno terá a súa inscrición á aula virtual, que deberá estar en uso ao remate do mes de setembro.

Así mesmo, cada centro deberá ter rexistrado ao remate do mes de setembro unha listaxe do alumnado que presente dificultades para o acceso a equipos tecnolóxicos ou conexión de internet, para o hipotético caso de ter que impartir o ensino a distancia.

En 1º e 2º de Primaria será o centro o que decida se se usa ou non a aula Virtual e nos cursos inferiores habilitaranse fórmulas de comunicación como foros ou videochamadas para manter o contacto coas familias e, de ser posible, fornecer contidos educativos. Os modos alternativos que se arbitren de educación a distancia para Infantil e 1 e 2º de Primaria quedarán recollidos na programación didáctica de cada centro.

As programacións didácticas deberán incluír tamén a metodoloxía de traballo que se seguiría no caso de ensino a distancia, así como a maneira de garantir o dereito á educación do alumnado que non poida seguir as ensinanzas telemáticas.

Puedes descargarte el Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 PULSANDO AQUI

A %d blogueros les gusta esto: