Exposición 14th marzo 2019

Conferencia/Concerto MONCHO DO ORZÁN- TRIBUNA PÚBLICA

by Victor Lamela

Tribuna Pública acolle hoxe xoves 14 de marzo ás 19.30 horas a conferencia-concerto “Coros, gaiteiros e músicos da Coruña e América: historias e sinerxías nas dúas bandas do océano”, a cargo do estudoso no eido da gaita Ramón Palleiro Rodríguez, coñecido como Moncho do Orzán.

Foto de Cántigas da Terra feita por Foto Blanco de finais dos anos sesenta no Náutico da Coruña

Sinopse:
A ubicación privilexiada da península herculina para as relacións
marítimas motivou grande parte do esplendor cultural e musical de
Galicia. Ao porto da Coruña chegaron desde A Habana, en honras
fúnebres, os restos mortais de Curros Enríquez e Xosé Castro “Chané”. Tamén do porto da Coruña partiron para América importantes músicos e gaiteiros: Andrés Gaos, Carlos López García-Picos ou Carlos Rodríguez.
E outros, nados alén-mar, como Isidro Maiztegui, compuxeron obras
lembrando as súas orixes.

Desde a segunda metade do século XIX, os Centros Galegos pulaban por crear cultura á imaxe dos irmáns de alén mar: coros, grupos de gaiteiros e teatro foron algúns dos seus reclamos principais de grandísima calidade. Brétemas e Raiolas, o coro do C.G. de Bos Aires, a Irmandade Galega de Caracas e nomes como Xulio Anta ou Ricardo Flores completan o noso percurso onde tamén se dará conta das visitas transatlánticas máis sinaladas de agrupacións coruñesas.

Ramón Palleiro Rodríguez, “Moncho do Orzán” (A Coruña, 1985)
Formouse no mundo da gaita da man dos mestres Raúl Galego e Ricardo Santos. Foi vogal da Asociación de Gaiteiros nos anos 2004 e 2005. Antigo membro do quinteto Os Cataventos e do grupo folque Barallete. Tamén ten colaborado musicando espectáculos coa Compañía Femme Fatale e co Grupo de Teatro da A.C. Alexandre Bóveda. Forma parte do colectivo poético-musical
In Nave Civitas. Actualmente estuda sexto curso de Grao Profesional de Acordeón.
É corista, actor e arquiveiro de Cántigas da Terra. Investiga o pasado e o presente dos Coros Galegos, poñendo de relevancia a súa importancia dentro da cultura propia. Periodicamente escribe artigos de divulgación en xornais galegos.
En 2016 publicou un traballo no libro colectivo “As Irmandades da Fala (1916- 1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX” (Laiovento, 2016), ademais de participar no simposio “Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931)”. Tamén é autor do libro “Farruco de Montrove e os Gaiteiros da Coruña” (aCentral
Folque, 2017).
Alén disto, é titulado en Enxeñería Técnica de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Exerce como docente en programación e tecnoloxía, especializado en reutilización de refugallo electrónico.

A %d blogueros les gusta esto: