coruna 05/07/2020

Coruña Orgullosa 2020 ofrecerá fotografía, cine, coloquios e música en directo até o 31 de xullo

by Victor Lamela

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou o programa Coruña Orgullosa 2020, que contará con citas que se puideron organizar dentro do posible, “interesantes e variadas”, agrupadas baixo o lema “Deixémenos querer” e que estarán marcadas polas normas ditadas polas autoridades competentes en materia sanitaria. Coa colaboración de distintos colectivos de LGTBIQ+ da Coruña e a súa contorna, a programación terá lugar desde hoxe ao 31 de xullo cunha atención especial ás mulleres LBT, que xogan un papel central nun ano en que o lema elixido pola Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais foi “Mulleres LBT: Sororidade e Feminismo”. Desde xa poderase ver no Obelisco a exposición fotográfica “Pedras”, en que se retratan mulleres lesbianas, nunha especie de homenaxe ás maiores que sufriron lesbofobia na súa vida e que loitaron contra ela.

A concelleira explicou que haberá cine queer cun ciclo de tres sesións os xoves 9, 16 e 23 de xullo, ás 22.00 horas, no claustro da Fundación Luis Seoane. Proxectaranse as cintas “Rafiti”, sobre dúas mulleres negras lesbianas que terán que escoller entre a felicidade ou a seguridade en Kenya; “Noite irisada”, centrada na figura das persoas LGTB maiores; e “Bixa Travesti”, un documental que retrata unha artista transexual que reflexiona sobre o xénero. Despois de que rematen as películas, haberá un pequeno coloquio.

Ademais, o venres 10, ás 18.00 horas, Benestar Social organizará a charla da Rede Educativa LGTBIQ+ de Galicia. Diversidade LGTBI+: Un reto educativo”, na sala Museo Casares Quiroga, para seguir nesa xornada con música no Castelo de San Antón co concerto Coruña Orgullosa 2020, en que actuarán a partir das 21.30 horas Marian Ledesma, o Coro Cantabile e Guadi Galego, “artistas de moito recoñecemento ás e aos que lles quero dar as grazas por participar”. Para os eventos que requiran un control da capacidade, que son todos menos a mostra fotográfica, haberá que solicitar unha invitación a través da páxina web do Servizo de Igualdade.

Por outra parte, Neira felicitou o creador da imaxe do cartel deste ano, Antón Lezcano, que se inspirou na peza escultórica de Brâncusi para colocar dous seres carentes de sinais sobre o seu sexo e representar con eles a liberdade “da que deberiamos desfrutar todos as persoas á hora de amar a quen queiramos ousentirmos o que queiramos sen sentírmonos xulgados”.

A concellería creou tamén un selo co fin de que haxa unha marca recoñecible para toda a programación LGTBIQ+ da cidade, e que situará A Coruña no mapa da programación LGTB. Para iso, elixiuse un elemento moi recoñecible do ideario coruñés como son a vieira e as tibias de Xerión que aparecen no escudo e que foron apoderados polas cores do arco da vella.

A %d blogueros les gusta esto: