Exposición 20th febrero 2019

Culturas presenta a nova programación do ciclo ‘Bebescena’

by Victor Lamela

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación para os primeiros meses deste 2019 deBebescena, o ciclo de artes escénicas dirixido a nenas e nenos de entre 0 e 5 anos. A proposta, que se desenvolverá no Centro Ágora desde este domingo, 24 de febreiro, até o mes de maio, conta con cinco espectáculos “que pretenden achegar ás crianzas, desde os primeiros meses de vida, e acompañadas da súa contorna máis próxima, o mundo da cultura e das artes escénicas”.

“​Bebescena é unha proposta robusta e consolidada da programación municipal. Trátase dun estímulo que suma diferentes áreas, como a didáctica, pedagóxica e teatral, que lles permite ás nenas e aos nenos desenvolver a súa imaxinación, e que ten a vontade de potenciar tanto a súa sensibilidade coma a súa intelixencia emocional”, apuntou Sande, quen lembra que nesta ocasión, a iniciativa aumenta a idade do público ao que se dirixe, até os cinco anos, fronte aos tres que se facía con anterioridade. Neste sentido, tal e como lembrou o edil, ​“Bebescena complementa perfectamente, incluso en termos de idade, a importante oferta municipal de artes escénicas na cidade”, da que tamén forman parte o Ciclo Principal ou TRC Danza, do Teatro Rosalía, Todo Público e Sen Numerar, do Fórum Metropolitano, e outras propostas que teñen lugar tamén en recintos como o Centro Ágora e no Teatro Colón.

A primeira cita terá lugar este domingo con ​Sensacional. A compañía catalana Imaginart ofrecerá catro funcións dun espectáculo de sensacións audiovisuais, de 20 minutos de duración dirixido a nenas e nenos de entre 18 meses e 3 anos. O edil sinalou que, polas características desta singular peza, no que o chan será o espazo no que se proxecten as imaxes, só haberá 40 persoas de público por pase e que unicamente á permitido o acceso dunha persoa adulta por crianza. As representacións terán lugar ás 11.30, 12.10, 12.40 e 13.10 horas do domingo 24.

A segunda proposta de ​Bebescena chegará o domingo 3 de marzo da man da compañía portuguesa We Tum Tum. ​Crassh Babies é un espectáculo dirixido a público de entre 1 e 5 anos, que propón unha interacción constante coas persoas adultas acompañantes, e que propón unha viaxe polo mundo Crassh a través dunha linguaxe vocal singular. Coma nas restantes propostas co ciclo, cada xornada celebraranse dúas funcións de 30 minutos, ás 11.30 e as 13.30 horas.

No mes de abril ofreceranse dous espectáculos. O primeiro terá lugar o domingo 7, a través da iniciativa ​Afuera es un lugar, d​ a compañía andaluza Arena en los bolsillos, na que se propón un espectáculo de monicreques apto para nenas e nenos de 1 a 5 anos que acadou diversos premios en festivais europeos. Xa na última fin de semana, o 28 de abril, a compañía coruñesa Caramuxo presentará ​Ñam,​ “unha comedia envolvente creada a partir do mundo da cociña”, segundo destacou o edil de Culturas. Esta obra diríxese tamén a menores de entre 1 e 5 anos.

Finalmente, o ciclo ​Bebescena p​ echará a súa programación de primavera o domingo 12 de maio co espectáculo ​Maleable,​ de Helena Lizart, unha proposta sensorial “que apela ao corpo, e a danza a través de obxectivos que bailan xuntos creando unha serie de imaxes poéticas”, apuntou Sande. Esta peza é apta para menores a partir dos 6 meses.

Venda de entradas

As entradas para o ciclo ​Bebescena manteñen o seu prezo respecto a anteriores edicións, 6 euros a entrada xeral, 3 euros o billete para menores de 3 anos e 15 euros o Abono 3, que inclúe 3 entradas para a mesma función. Estarán á venda a partir desde xoves, 21 de febreiro, nas canles habituais, como son o despacho de billetes da praza de Ourense –de luns a venres, agás festivos, en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas–, na plataforma ​www.ticketea.com ou no teléfono 902.044.226 — de luns a venres, de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas–. A Concellería de Culturas lembra que o despacho de billetes do Ágora estará aberto só os días da función desde unha hora antes da representación, unicamente se restasen entradas. Para máis información sobre este ciclo, así como outras propostas culturais municipais, pódese visitar o web ​www.coruna.gal/cultura​.

A %d blogueros les gusta esto: