coruna 09/16/2019

Deportes impulsará as especialidades náuticas do Club Marítimo de Oza O Puntal

by Victor Lamela

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, recibiu no Pazo de María Pita a Celia Alvariño e a Sergio Martínez, do Club Marítimo de Oza O Puntal. Nesta primeira toma de contacto, o persoal membro da sección de vela do club presentou o programa de actividades da sociedade deportiva e trasladou as demandas en materia de instalacións. Pola súa banda, o concelleiro expresoulles a intención do Goberno local de seguir traballando coa entidade e apoiándoa na organización de eventos e das iniciativas que impulsan para a plena integración de persoas con diversidade funcional a través do deporte. Neste aspecto, o Club Marítimo de Oza O Puntal tamén colabora co programa de Deporte Solidario e Inclusivo da Fundación Emalcsa.

Así mesmo, trasladáronlle ao edil de Deportes a súa total disposición a ampliar a oferta de actividades na futura base náutica municipal de Oza en colaboración cos outros clubs do sector náutico. As persoas representantes do club explicaron que,“en Andorra a ninguén se lle ocorre non esquiar, os máis pequenos teñen cursos deesquí xa dende os colexios. Na Coruña ten que pasar o mesmo co mar, todo o mundo ten que empezar a practicar deportes náuticos porque estamos rodeadosdun contorno fantástico”, explicou Sergio Martínez. Juan Ignacio Borrego concordou na idea de “converter a cidade no espello do deporte náutico galego porque temos todos os condimentos”.

O edil de Deportes adiantoulle á entidade o proxecto da futura base náutica municipal de Oza, un complexo deportivo que tamén servirá nun futuro de sede das Escolas Deportivas Municipais. O proxecto xa conta coa aprobación da Demarcación de Costas, pero está pendente do deslinde marítimo-terrestre. O Goberno local sinala a necesidade de contar cunhas instalacións axeitadas que permitan ofrecerlles servizo non só ás Escolas Municipais Deportivas, senón tamén a outras entidades e clubs que se dediquen á práctica de actividades náuticas.

A %d blogueros les gusta esto: