Sucesos 26/04/2019

DETIDO EN FEANS POR UN PRESUNTO DELITO DE VIOLENCIA DE XÉNERO E DE RESISTENCIA GRAVE A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

by Victor Lamela

Ás 02.00 horas do 25 de abril, dúas patrullas da Policía Local foron comisionadas por medio da Sala 092 para que se desprazasen ao lugar de Feáns, onde, segundo unha chamada telefónica, estaba a producirse unha forte discusión nunha vivenda. Unha vez no lugar, as dotacións puideron ver a través dunha xanela do domicilio a un home que, ao decatarse da presenza policial, saíu ao exterior da vivenda increpándoos por acudir ao seu domicilio e ameazándoos con que lles ía a pegar porque sabía artes marciais. Aínda que nun primeiro momento as dotacións conseguiron acougar a este home, que amosaba síntomas evidentes de ter consumido bebidas alcohólicas, encarouse de súpeto cun dos axentes e tentou propinarlle unha puñada, polo que foi reducido e esposado no chan. Durante esta intervención, a muller presuntamente agredida saíu do domicilio e identificouse como parella deste home. Manifestou que discutiran até que el a empuxou contra un cristal da porta de acceso á vivenda, causándolle lesións cos cristais nun pé. A muller amosou ás patrullas os restos de sangue e danos en portas, así como a desorde do interior do domicilio. Así mesmo, o vehículo desta muller presentaba danos tamén xerados pola súa parella. O home, de 29 anos, foi trasladado a dependencias policiais onde se lle tramitou denuncia por un concurso de dous delitos: violencia de xénero e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

A %d blogueros les gusta esto: