Sucesos 01/21/2019

DETIDO POR UN CONCURSO DE TRES DELITOS: DELITO DE ROUBO CON FORZA EN ESTABLECEMENTO, SUBTRACIÓN DE VEHÍCULO A MOTOR E RESISTENCIA A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

by Victor Lamela

Ás 02:45 horas do día 19, unha patrulla da Policía Local que estaba a realizar funcións de vixilancia da Seguridade Cidadá observou que na rolda de Outeiro había un vehículo estacionado nunha posición estraña, en dobre fila diante dun local de hostalería, polo que deciden achegarse ao mesmo. Nese momento o condutor, que se atopaba no interior, arrinca de forma acelerada, en dirección á zona dos Rosales, á súa vez que do local comercial saen dúas persoas que arroxan ao chan uns obxectos que portaban nas mans, dándose á fuga á carreira. A patrulla dá aviso a outras dotacións policiais, procedendo a actuante a perseguir o vehículo que se deu á fuga (o cal comproban, a través da placa de matricula, que figuraba como subtraído desde hai 12 días) e interceptándoo na rúa Simón Bolivar, despois de que o condutor perdese o control do mesmo e impactase contra un bordo de formigón. O home sae a carreira do coche e, para evitar ser retido, empurra a un dos polícias, que cae o chan, e emprende de novo a funxida a pé campo a través, pero é interceptado por outro axente á altura da Estrada dos Fortes. Esta persoa, que porta unhas luvas de traballo, mostra unha forte resistencia a ser retido e reducido.

Tras realizar unha inspección ocular no interior do vehículo, localízase un obxecto que aparenta ser parte dalgunha máquina expendedora ou contadora de billetes, así como un desaparafusador no asento dianteiro. A dotación volve ao lugar de orixe dos feitos, onde se atopa outra patrulla, e comproban que diante do local hai varios obxectos tirados, xunto cunha gran cantidade de moedas e algúns billetes, e que o enreixado de entrada do local estaba forzado, a porta de entrada ao mesmo tiña o cristal roto e a máquina comecartos tamén estaba forzada (atopan xunto á mesma unha pata de cabra e unha maza). Por todo isgo procédese á identificación e detención desta persoa, home de 45 anos e veciño da cidade, informándolle dos motivos da mesma así como os dereitos que lle asisten conforme á Lexislación Vixente, ao que denuncian ante o xulgado de garda por un concurso de tres delitos: delito de roubo con forza en establecemento público, subtracción de vehículo a motor e resistencia aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. Queda custodiado en dependencias policiais á espera da súa posta a disposición xudicial, e das investigacións que se poidan realizar para tentar localizar ás outras dúas persoas presuntamente implicadas nos feitos.

Os policías actuantes que resultaron lesionados durante a intervención foron atendidos nun centro santitario. A Policía Local, tras realizar varias xestións, localizou aos propietarios tanto do local comercial coma do vehículo substraído, aos que informaron dos acontecementos e dos trámites a seguir para formular as denuncias correspondentes.

A %d blogueros les gusta esto: