Sucesos 30th diciembre 2018

DOUS DETIDOS POR VIOLENCIAS MACHISTAS

by Victor Lamela

– Ás 19:46 horas do día 27 de decembro, unha patrulla da Policía Local trasladouse urxentemente á zona do Campo da Leña porque unha persoa que chamara á sala do 092 indicaba que ía seguindo a distancia a un home que acababa de agredir a unha muller nunha rúa das inmediacións, e que tanto el como outras persoas interviñeran para que o home depuxese a súa actitude. Ao chegar ao lugar, a testemuña indícalles o lugar no que se atopa o home, momento no que é interceptado polos axentes ata o esclarecemento dos feitos. A testemuña tamén indicou o lugar onde se produciu a agresión, manifestando que, posiblemente, a muller seguise no mesmo lugar debido a que se meteu no interior dun establecemento, trasladándose ao lugar outra dotación policial, que localiza a muller. Esta confirma que o agresor é o seu ex-marido, con quen xa non convive e co cal está en tramites de separación, pero que este, ao coñecer tanto o lugar de traballo como o horario, esperouna á saída para abordala, ameazala e agredila, arrebatándolle tamén o seu teléfono móbil para golpealo contra o chan e que, ao chamarlle a atención varios transeúntes, abandonara o lugar ás présas. A dotación policial trasladou á muller, de 39 anos, a un centro médico, no que foi asistida e no que estivo acompañada polos axentes ata que presentou a denuncia polos feitos.A policía identificou a varias testemuñas que corroboraron a versión facilitada pola agredida. Ao home, nun cacheo superficial, atopóuselle un teléfono móbil que tiña fracturado o cristal da pantalla. O dispositivo foi recoñecido pola muller. Por todo isto, ao agresor comunicóuselle a súa condición de detido, momento no que presentou forte resistencia, polo que tivo que ser reducido e esposado no chan utilizando a forza indispensable para iso.

– Ás 06:15 horas do día 29 de decembro, unha patrulla da Policía Local observa na avenida Fisterra a unha parella que transita pola beirarrúa, e que semella que o home vai conducindo á muller pola forza, o que lles chama a atención. Ao pouco, comproban que o home suxeita fortemente á muller polo pescozo e que a encaixa contra unha furgoneta que estaba estacionada. De forma inmediata, a Policía detén o vehículo e procede a separar ás devanditas persoas. Ao preguntar polo sucedido, manifestan que son parella e discutiran. Cando os policías falan de forma separada coa muller, de 47 anos esta explícalles que, momentos antes, estaban nun establecemento próximo e que por celos da súa parella abandonaron o local; e que o home obrigouna a saír do establecemento pola forza, chegando mesmo a arrastrala polo chan do bar ata sacala ao exterior. A dotación policial constatou que a muller presentaba a zona do pescozo arroibada, polo que lle ofreceron a posibilidade de ser trasladada a un centro médico polas lesións que presentaba. O home, de 44 anos, que presentaba a camiseta rota e rabuñaduras no pescozo, explicou aos Policías Locais que o motivo da discusión foi que a súa parella se dirixiu a el de malas maneiras. Por todo iso, e ponderando os feitos concorrentes, os axentes procederon a detención do home, sendo informado dos seus dereitos e os motivos da súa detención, e denunciado ante o xulgado de garda por un delito de violencia de xénero, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais.

A %d blogueros les gusta esto: