Ayuntamiento, coruna 05/05/2019

“É necesario repensar o modelo económico da Coruña e da comarca”

by Victor Lamela
“O actual goberno municipal carece dun proxecto de cidade”, dixo Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, durante o primeiro debate electoral entre as cabezas de lista das catro formacións políticas con representación no Concello este venres en Radio Voz Coruña. “Empezou a gobernar sen un horizonte claro, a golpe en moitos casos de ocurrencias; en ningún momento exerceu un papel de liderado e quedou en evidencia a súa falta de vertebración e implicación co resto da comarca por ser unha formación política estritamente municipal”, resumiu.
O candidato nacionalista reclamou para A Coruña “a función de ser o motor económico de Galiza”, e insistiu en que “é necesario repensar o modelo económico da Coruña e da comarca”. Jorquera mostrou a súa preocupación polo “deserto industrial” que ameaza á comarca e indicou que a perda de impulso da Coruña “non é só froito da acción do goberno municipal” mais indica que “a acción do goberno, por falta de capacidade na xestión, pola súa ineficacia, non axudou a reverter esta situación”.

A mobilidade empeza pola equidade
Jorquera tamén reprochou a Xulio Ferreiro, no primeiro debate público ao que acude o rexedor, que apareza prometendo reordenación das liñas de buses ou un banco público de vivendas antes de fin de ano despois de catro anos nos que incumpriu as súas propias promesas. “Vostede promete para os seis próximos meses todo o que deixou de facer durante o mandato”, dixo o nacionalista.
En cuestión de mobilidade, Jorquera explicou que o modelo que propón o BNG prioriza a accesibilidade: “Mobilidade é igual a accesibilidade, que todas e todos, sen que o lugar de residencia, a condición económica ou funcional ou a idade sexan factores de exclusión”. Ademais, insistiu na visión comarcal de calquera plan para a cidade. “O BNG”, dixo, “considera que é necesaria unha reordenación das liñas de bus, a mellora das frecuencias, o carril bus e esas medidas que o alcalde di que están feitas e ninguén ve por ningún lado. “Onde está o mapa de liñas? Agora anuncia novas datas… Resulta que vostede está prometendo que vai facer no vindeiro mandato o que deixou de facer neste”, dixo dirixíndose a Xulio Ferreiro. Respecto da mobilidade e nas conexións coa comarca, o candidato nacionalista reafirmouse na aposta “por un tren-tran e un intercambiador de transporte en San Diego que atenda tamén ao transporte marítimo”.
Mercados municipais: inversión e diálogo
Un día despois de reunirse con representantes de praceiras e praceiros dos mercados municipais coruñeses, o candidato nacionalista apuntou no debate algunha das súas reclamacións e ligo á revitalización dos barrios á recuperación do papel central dos mercados no comercio de proximidade. Jorquera sinalou que o BNG quere que os investimentos previstos se executen xa, que os horarios se amplíen e poida diversificarse a oferta. E recordou que os mercados e o comercio local son “a chave” para rexenerar os barrios, “moitos hoxe moi degradados, con fincas abandonadas e baixos comerciais baleiros”. O BNG, avanzou Jorquera, negociará cos propietarios destes baixos para levar adiante un plan que mobilice os locais comerciais baleiros en cada barrio.
A %d blogueros les gusta esto: