Ayuntamiento 16th abril 2019

Emvsa avanza na creación dun Banco de Vivendas de alugueiro destinado a colectivos con dificultades

by Victor Lamela

O consello de administración da Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa) tomou coñecemento da proposta de regulamento pola que se rexerá o proceso de constitución dun Banco de Vivendas de alugueiro, mediante a que o ente dependente do Concello facilitará o acceso a unha vivenda digna a aqueles colectivos con máis dificultades de acceso. Segundo explicou ante a prensa o alcalde e presidente de Emvsa, Xulio Ferreiro, o vindeiro paso será que a entidade traslade esta proposta ao Concello, que abrirá un período de exposición pública de cara a coñecer as achegas e recomendacións das entidades do ámbito social que operan na cidade. “Finalmente, o regulamento terá que ser ratificado polo Pleno municipal”, dixo o rexedor, quen manifestou que este procedemento “vai ser fundamental para facer que Emvsa se transforme definitivamente nunha empresa pública enfocada a facilitar o acceso á vivenda”.

A intención do goberno local é que Emvsa xestione un Banco de Vivenda que garanta o acceso a unha vivenda digna á veciñanza con máis dificultades. “A idea é a de artellar un sistema de aluguer social ou reducido. Emvsa funcionará como mediadora entre persoas arrendadoras e arrendatarias e alugará vivendas, preferentemente no termo municipal da Coruña, para a súa posta a disposición de terceiros. Emvsa garantirá ás persoas cedentes tanto o cobro das rendas, como a reparación de posibles danos nas vivendas e o depósito das correspondentes fianzas. Por outro lado, será a empresa pública a que adxudique estas vivendas ás persoas solicitantes pertencentes a colectivos con dificultades. Estas veciñas deberán pagar unha parte da renda do inmoble, que será determinado en función dos seus ingresos por unha comisión de valoración, sendo o importe restante aportado pola propia Emvsa”, explicou Ferreiro.

O regulamento dado a coñecer este luns ao consello de administración de Emvsa dá resposta á encomenda que a propia Xunta de goberno local lle fixo ao ente dependente do Concello e que pasaba por prestar servizos “orientados á intervención social integrada para a atención, prevención da marxinación e inserción de grupos vulnerables para facilitar a súa inserción e normalización social”. “A realidade é que existe un problema en todo o Estado e tamén na Coruña pola que moitas familias atópanse con moitos problemas para acceder a un mercado do aluguer que está a crecer. Con esta bolsa damos resposta ás persoas que precisan unha vivenda e, á vez, seguridade ás propietarias”, resumiu o primeiro edil.

Alugueiro máximo de 600 euros

A proposta de regulamento presentada esta mañá, e que agora pasará a exposición pública, especifica que Emvsa será a encargada de efectuar as convocatorias abertas necesarias tanto para a obtención de vivendas como para a asignación das mesmas. A vivenda deberá ser cedida por un prazo mínimo dun ano, prorrogable até sete. Emvsa garantirá aos e ás cedentes dos inmobles o cobro das rendas por un máximo de 600 euros, así como a reparación de posibles danos na vivenda e o depósito das fianzas. A cantidade exacta será establecida por unha Comisión Permanente de Adxudicación e Xestión que terá en conta tanto o tamaño do inmoble, como o seu estado, o número de dormitorios e a súa situación. A renda, en todo caso, actualizarase cada ano conforme á normativa vixente.

En canto as persoas solicitantes, estas determinaranse, así como o importe a aboar, en base tanto aos ingresos como ao número de persoas integrantes na unidade convivencia. O regulamento especifica que o límite de ingresos dun único inquilino establecese en 1,5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) mensual, sendo tres veces este indicador para unidades de 4 ou máis membros. Ademais deste requisito existen unha serie de criterios de valoración análogos como o feito de ter persoas ao cargo, a idade dos e das solicitantes, graos de diversidade, ter sido afectadas por procesos de desafiuzamento ou ser vítimas de violencia de xénero. En todo caso, a renda que abonen as persoas adxudicatarias de inmobles do Banco de Vivendas non poderá exceder do 20% dos recursos económicos dos que dispoña a unidade de convivencia, unha porcentaxe que baixa até o 15% no caso de que o único ingreso proceda da Renda de Inclusion Social de Galicia (Risga), a Renda Social Municipal (RSM) ou non acade o mínimo marcado polo IPREM.

A %d blogueros les gusta esto: