Deportes 01/05/2020

Esta fin de semana proclamarase o equipo gañador do “I Torneo eSports Cidade da Coruña”

by Victor Lamela

As dúas semifinais do “I Torneo eSports FIFA 20 Cidade da Coruña” terán lugar hoxe, ás 19.30 horas, entre Dieguiitoo08 e DOPITRON, e ás 20.45 horas, nun segundo enfrontamento entre JorgeGallego e danielcol10. Ambas as partidas serán retransmitidas en directo a través da páxina web do Concello da Coruña https://www.coruna.gal/deportes/gl/actividades/esports- concello-da-coruna-fifa20

Os equipos gañadores de cada choque pasarán á final, que se xogará o domingo 3 de maio ás 21.30 horas, e será narrada por comentaristas especializadas/os en eSports xunto con xornalistas deportivos de Galicia. Esta poderase desfrutar tamén en directo desde a mesma páxina web.

Como aperitivo a esta cita, disputarase ás 20.45 horas outra non menos apaixonante partida entre David Simón do Deportivo da Coruña e un xogador do Celta de Vigo, que sairá do campionato interno do club.

Posteriormente, as e os gañadores de cada final xogarán un encontro no acto de entrega dos premios, aínda sen data, xa que Deportes anunciará o día concreto unha vez que se levante o estado de alarma e cando as recompensas estean dispoñibles.

A campioa ou campión recibirá unha PlayStation 5, un xogo do FIFA 21 e mais a invitación para xogar contra o equipo gañador do partido disputado por futbolistas profesionais do R.C. Deportivo contra o R.C. Celta de Vigo (dentro do Torneo eSports Cidade da Coruña).

O segundo clasificado recibirá unha PlayStation 5 e un xogo do FIFA 21 e o terceiro unha PlayStation 5. Para o cuarto posto do campionato está reservado un xogo do FIFA 21 e un vale por unha subscrición anual de PlayStation Network.

Ademais, entre o resto de persoas participantes sortearanse dúas consolas PlayStation 5, 10 unidades do xogo FIFA 21 e 10 vales de subscrición anual de PlayStation Network.

PARTICIPANTES

Neste I Torneo eSports Cidade da Coruña inscribíronse algo máis de 500 persoas das que 444 cumprían as bases da convocatoria e que se foron emparellando en distintas roldas eliminatorias que creou o propio sistema informático do programa até quedaren os catro semifinalistas.

Desde a Concellaría de Deportes valoran moi positivamente a acollida que tivo esta iniciativa entre as e os coruñeses e o ritmo tranquilo en que transcorreron as distintas xornadas eliminatorias, polo que non descartan realizar futuras convocatorias. Agradecen tamén a colaboración de Maritime Global Services e da cadea Cope Galicia, así como o traballo das e dos técnicos municipais na coordinación do torneo.

A %d blogueros les gusta esto: