coruna 08/05/2020

Europe Direct A Coruña presenta o programa de actividades conmemorativas do Día de Europa

by Victor Lamela

O Día de Europa celebra cada 9 de maio a paz e a unidade do continente. A data coincide co aniversario da histórica declaración de Schuman, ministro de Asuntos Exteriores francés, quen no ano 1950 propuxo unha nova forma de cooperación política en Europa que fixera impensable unha nova guerra entre as nacións europeas.

Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, ten programadas diversas actividades para conmemorar esta data. Vestir de azul o Pazo Provincial é a primeira delas. A Deputación súmase así á iniciativa impulsada pola Comisión Europea para que edificios vencellados ás institucións europeas e monumentos emblemáticos das principais cidades da UE se vistan de azul o 9 de maio. Da semana do 4 ao 10 de maio o edificio estará iluminado de azul na fachada norte e sur.

Ademáis, ante a actual situación derivada das medidas de contención do coronavirus, Europe Direct A Coruña celebrará esta data nos medios sociais durante toda a semana cun amplo abano de actividades.

EU♥UE é o lema da campaña que se desenvolverá a través dos perfís de Twitter, Facebook e Instagram. Convidará á participación en actividades lúdicas online, como pasatempos e xogos para o público infantil, así como á promoción da lectura de autores europeos, coa colaboración da Biblioteca Provincial.

Así mesmo, o centro de información convoca o concurso de ideas creativas EU♥UE no que poderán participar as Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo seleccionadas en Galicia: IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES Poio (Poio), Colexio Vigo (Redondela) e Colexio Pai Feijóo. As pezas creativas serán publicadas na páxina de Facebook de Europe Direct A Coruña o 9 de maio. A máis votada recibirá un premio sorpresa.

Ademáis, ese día celebrarase a gran final do concurso #EuropaEnCasa, promovido pola rede nacional de centros Europe Direct coa colaboración da Comisión Europea. Dúas persoas por cada centro participarán neste reto online para poñer a proba os seus coñecementos. O gañador recibirá como premio unha viaxe a Bruxelas para catro persoas.

Por outra parte, Europe Direct A Coruña abre o 9 maio o prazo para participar no VII Concurso de Fotografía “Cidadáns Europeos en Galicia” que, baixo o lema “Europe@s na casa” busca visibilizar o sentimento de unidade europea desde a casa. O concurso, aberto a todas as persoas residentes en Galicia maiores de idade, recoñecerá o mellor traballo cunha cámara de fotos e o segundo, cunha tablet.

Toda a información sobre as actividades relacionadas coa conmemoración do día de Europa está dispoñible na páxina web de Europe Direct A Coruña:

https://www.dacoruna.gal/europedirect

A %d blogueros les gusta esto: