coruna 09/07/2020

Expertos en ciberseguridade da UDC publican un artigo científico no que propoñen o uso de blockchain para combater as noticias falsas

by Victor Lamela

Os expertos en ciberseguridade e industria 4.0 da Universidade da Coruña Paula Fraga Lamas, investigadora asociada da Unidade Mixta de Investigación Navantia-UDC, e Tiago Fernández Caramés, profesor da UDC e ambos os dous investigadores no CITIC, propoñen nun artigo científico o uso de tecnoloxías de rexistro distribuído, especificamente blockchain, para combater as noticias falsas, “fake news”.

Blockchain é unha tecnoloxía que funciona como o libro contable dunha empresa, permitindo garantir a orixe e a trazabilidade dos datos e transaccións proporcionando un rexistro transparente, inmutable e verificable. Tamén permite crear plataformas distribuídas que melloran a resistencia a posibles ciberataques.

Os investigadores da UDC identificaron as principais potenciais aplicacións de blockchain: moderación de contido descentralizado, fact-checking incentivado, sistemas reputacionais, aplicacións distribuídas colaborativas, servizos de notarización e trazabilidade, e incluso técnicas forenses. Os científicos publicaron o artigo “Fake News, Disinformation, and Deepfakes: Leveraging Distributed Ledger Technologies and Blockchain to Combat Digital Deception and Counterfeit Reality,” en IT Professional coas principais recomendacións relativas o deseño e implementación de solucións adecuadas xunto cos principais retos abertos para guiar os futuros desenvolvedores desta liña de investigación.

Segundo a consultora Gartner, no ano 2022 a metade das noticias que se consumirán serán falsas. Adicionalmente, o Eurobarómetro indica que, aínda que o 80% dos españois se preocupa polas noticias falsas, só o 52% é capaz de detectalas, especialmente no caso dos deepfakes. Os deepfakes son vídeos creados con intelixencia artificial que crean manipulacións realistas case irrecoñecibles por humanos e máquinas.

As fake news e deepfakes cobren asuntos de interese público, temas como as eleccións, o medioambiente ou os relacionados coa emigración por exemplo, co obxectivo de enganar ou manipular, xerar inseguridade e polarizar á poboación.

Coa chegada da pandemia da COVID-19, a “infodemia” (sobreabundanza de información) está a supoñer un risco potencial para a vida e a saúde das persoas, propagando información falsa sobre os efectos do virus, a transmisión, o tratamento, as vacinas ou incluso teorías da conspiración, que nun contexto de alta incerteza fai difícil distinguir entre fontes fiables e o que é real do que non o é.

As actuais estratexias de diseminación inclúen os medios tradicionais e as redes sociais, convertidas recentemente en ferramentas masivas en mans dunhas poucas compañías a nivel mundial que distribúen desinformación sen a adecuada protección aos usuarios.

A %d blogueros les gusta esto: