coruna 17th junio 2018

Ferreiro aposta pola colaboración das cidades na construción das políticas europeas, ás que “poden aportar a súa aposta pola participación e a innovación democrática”

by Victor Lamela

O alcalde, Xulio Ferreiro, participou no coloquio sobre ​A dimensión local e cidadá no futuro da Unión Europea​, dentro da reunión da asemblea xeral da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico, da que forma parte A Coruña, e que se celebra en Donostia. Na súa intervención, Ferreiro apostou por que as cidades participen no deseño do futuro de Europa e se lles permita actuar na orixe das súas políticas. “É preciso reconstruír Europa e que esta sexa, non exclusivamente pero de maneira moi importante, a Europa das Cidades. Non digo para as cidades, senón das cidades. Porque as cidades son obxecto das súas políticas pero a miúdo están á marxe das decisións”, reclamou nun debate no que participou xunto ao rexedor de Donostia, Eneko Goia.

Ferreiro incidiu en que a contribución das cidades “é esencial e atinxe a moitos eidos”, entre os que destacou dous: os valores e o desenvolvemento sostible e a participación cidadá e a innovación democrática. Así, puxo como exemplo a acción das cidades ante o última crise de migrantes no Mediterráneo, “no que as urbes temos dado una lección a Europa, xa que conseguimos chamar a atención dalgúns estados e facerlles cambiar a dinámica, como acaba de facer o Goberno do estado español”. O rexedor considerou que “para achegar Europa á cidadanía é preciso que sexa comprensible, accesible e útil”, algo no que, dixo, poden axudar “mecanismos de transformación dende abaixo” que están poñendo en marcha as cidades que “como primeira célula da democracia, é a que permite explorar políticas innovadoras en materia de participación”.

Neste sentido, citou programas como o Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-lab, “onde xorden proxectos para a cidade”, ou os orzamentos participativos, que cumpre este ano a súa terceira edición. Ao fío, o alcalde lembrou que A Coruña acollerá entre os días 4 e 6 de xullo o Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos, un evento “para poñer en común as experiencias diversas e compartir a creación da democracia dende abaixo”. Neste sentido, o rexedor de Donostia explicou que a cidade celebra por primeira vez este ano a consulta cidadá para definir parte do seu orzamento, “e iniciar un camiño no reto de volver a conectar coa cidadanía”.

Para finalizar o acto, ambos rexedores deron lectura á ​Carta atlántica de Donostia,​ o documento que recolle os compromisos nos que deberán afondar as urbes participantes na asemblea xeral da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico.

A %d blogueros les gusta esto: