coruna 03/08/2015

Ferreiro: “Con cada libraría que pecha perdemos unha oportunidade para xerar emprego, actividade económica e capacidade para imaxinar as cousas doutro xeito”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste sábado no acto de inauguración da 44o edición da Feira do Libro da Coruña, cun discurso no que lembrou o momento de crise que atravesa o sector e apostou pola lectura como ferramenta transformadora. “Con cada libraría que pecha, con cada editora que se despide dos seus lectores, perdemos non soamente unha oportunidade para xerar emprego e actividade económica, senón que perdemos tamén unha factoría de ideas, capacidade para imaxinar as cousas doutro xeito. A lectura é unha ferramenta para comprender o que nos acontece e, o que é aínda máis importante, unha ferramenta para cambialo”, salientou, nun acto no que tamén estiveron presentes a presidenta da Federación de Librerías de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; e a escritora Mercedes Queixas, que foi a encargada de ler o pregón.

unnamed

Na súa intervención, o rexedor evocou a Ánxel Casal, editor e logo alcalde represaliado, que debuxaba no ano 1930 dende o obradoiro da súa editorial, Nós, unha Coruña “con tantas librarías e imprentas como adegas” e a Manuel Rivas, “quen sempre recorda que o escudo da Coruña tuve unha vez un libro”, e, neste sentido, comprometeuse a asumir unha parte da responsabilidade “para devolverlle ese libro, nun sentido figurado, ao selo da Coruña”.

A Feira do Libro permanecerá nos xardíns de Méndez Núñez ata o próximo día 10. Posteriormente, dará paso á Feira do Libro Antigo e de Ocasión, que se celebrará entre o 15 e o 30 de agosto no mesmo espazo. Nesta edición, a Feira dio Libro conta con 34 casetas, polas que pasarán nestes dez días uns 150 escritores, escritoras e persoas relacionadas co mundo do libro, nun programa que inclúe máis de 90 actividades, entre coloquios, presentacións e sinaturas de libros.

A %d blogueros les gusta esto: