Uncategorised 07/28/2019

González Formoso anuncia a concesión de 1,86 millóns de euros de fondos FEDER para construír a primeira Vía Verde da provincia da Coruña

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña vén de recibir 1,86 millóns de euros de fondos FEDER para facer realidade a primeira Vía Verde da provincia da Coruña, que conectará os municipios de Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.

Así o comunicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantivo cos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez Sanjuro; Oroso, Manuel Mirás; Tordoia, Antonio Pereiro e Cerceda, José García Liñares; á que tamén asistiron a concelleira compostelá e deputada provincial Milagros Castro e o deputado responsable da área de Transición Ecolóxica, Emprego e Mobilidade Sostible, José Ramón Rioboo,  e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, ademáis de técnicos dos diferentes departamentos da institución provincial que se encargarán do desenvolvemento do proxecto.

Segundo explicou González Formoso, aos 1.860.501 euros recibidos de fondos europeos para proxectos que fomenten a mobilidade sostible e a economía baixa en carbono sumarase unha achega de 535.129,26 euros da Deputación da Coruña “para facer realidade un proxecto ambicioso e técnicamente complexo: a construción da primeira Vía Verde da provincia e a de maior lonxitude de Galicia. Unha idea que comezou a xestarse hai máis dunha década e que agora, unindo as forzas da Deputación da Coruña e dos cinco concellos implicados queremos facer realidade neste mandato”.

Formoso lembrou que a institución provincial e os concellos “están a facer os seus deberes” e xa teñen redactado un proxecto conxunto que agora deben adaptar aos diferentes tramos do itinerario, ademáis de solicitar as autorizacións pertinentes para poder comezar a executar as obras, xa que é probable que outros organismos coma Augas de Galicia ou Patrimonio deban autorizar determinadas actuacións.

Vertebración de núcleos rurais e repercusión socieconómica

Valentín González Formoso destacou a “importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos a construción da Vía Verde”, que servirá ademais como “elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais polos que discorre e recuperando a rede ferroviaria abandonada para darle unha nova dimensión, máis ecolóxica e sostible”.

O presidente apuntou ademáis que este proxecto coincide na súa filosofía con outras apostas da institución pola promoción da mobilidade sostible como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou as Sendas dos Faros, que tamén contarán con axudas europeas para a súa creación.

A Vía Verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderán percorrer parte da mesma atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.

A Vía Verde contará cunha lonxitude total de 36,5 quilómetros, dos que 13 corresponden a Santiago de Compostela, 7,19 a Oroso, 8,3 a Ordes, 2,48 a Tordoia e 5,5 a Cerceda.

A %d blogueros les gusta esto: