coruna 27/06/2020

Iago Martínez: “Fagamos da Coruña un porto refuxio para a Cultura, que crea centos de empregos e está a levar un golpe durísimo nesta crise”

by Victor Lamela

A Marea Atlántica continúa esta semana cunha rolda de encontros con profesionais dos distintos eidos do sector cutlural, para escoitar as súas demandas e trasladarllas ao goberno municipal, que está completamente paralizado neste campo. “​Volvemos tenderlle a man ao PSOE para lanzar un Plan de Choque Cultural, para facer da Coruña un porto refuxio para a Cultura, un sector que xera centos de empregos na nosa cidade e que está a levar un golpe durísimo nesta crise”, asegurou o noso vivevoceiro e representante na Comisión de Cultura, Iago Martínez.

Martínez sinalou que é urxente poñer en marcha un paquete de medidas específicas para as actividades culturais, que complementen ás que xa se deseñaron para autónomos, peme e e micropemes e que aínda non entraron en vigor, máis de 100 días despois da declaración do estado de alarma. “Polo de agora, o goberno municipal só tomou dúas medidas: a creación dun bono cultural que segue sen definir e que non se tratou co sector, e o recorte de 700.000 euros no IMCE, aplaudido por PP e a antiga concelleira de Ciudadanos. Pedímoslle, unha vez máis, que o reconsidere”.

Para non deixar atrás á Cultura, propoñemos, a curto prazo:

● Deseñar unha edición alternativa do Festival Noroeste​, máis estendida no tempo e centrada en artistas da cidade e salas de concertos locais, apoiando á música coruñesa con todas as medidas de seguridade necesarias.

  • ●  Impulsar unha ​programación de artes vivas centrada en compañías e profesionais da cidade e prolongada no tempo, para paliar o impacto destes meses de parón e non concentrar o regreso da actividade unicamente no outono, para non colapsar os auditorios e evitar que un rebrote volva afectar ao sector.
  • ●  Cubrir os gastos das librarías locais na participación na Feira do Libro, e ​darlles as maiores facilidades posibles para que poidan estar presentes con garantías, na mellor localización e en condicións favorables.
  • ●  Resolver canto antes o atasco do contrato de adquisición de libros para as bibliotecas municipais e a establecer mecanismos que faciliten a celebración de eventos promocionais e o uso do espazo público en condicións seguras por parte das librarías.
  • ●  Adaptar as bases do Bono Cultura ás necesidades do sector,​ escoitando as súas demandas. Non pode ocorrer como coa última liña de contratacións directas que sacou o Concello, que non cumpre coas expectativas dos profesionais, ​ademas de rachar o acordo orzamentario ​entre a Marea e o PSOE, que establecía a continuidade das convocatorias ​Xerminal​ e ​Cultura de Barrio​.
  • ●  Fortalecer o ​diálogo co sector cutural e coas súas asociacións e entidades, para darlle un papel protagonista no deseño das medidas de resposta á crise, e normalizar a situación caótica das concellarías de Festas e Cultura.
  • ●  Paralizar o recorte no IMCE e abrir unha negociación para impulsar, canto antes, un ​Plan de Choque Cultural​.Nos últimos días, representantes do grupo municipal da Marea Atlántica reuníronse coa ​Asociación de Xestores Culturais e con ​Escena Galega​, colectivo teatral, que se suman aos anteriores encontros con ​Clubtura (salas de concertos), ​Músicos ao Vivo e a ​Asociación de Libreiros e Libreiras da Coruña. ​Nestas conversas, argumenta Martínez, “constátase que as propostas do sector son atinadas e razoables e que dende todos os campos da cultura se está a facer un esforzo de unidade sen precedentes que cómpre celebrar e apoiar”.

    Máis baixas na Seguridade Social que ningún outro sector

    A situación do sector cultural, que dá emprego a milleiros de persoas en Galicia, pero que funciona dun xeito fortemente estacional, é moi preocupanteo. O ​último informe do Consello da Cultura Galega sinala un descenso do 6,3% nas afiliacións á Seguridade Social, máis que en ningún outro sector. Tradúcese na perda directa dun milleiro de postos de traballo, mentres outros 4.000 atópanse en ERTE.

Por iso, e como xa advertimos, ​deixar a recuperación do sector cultural para o outono é un erro gravísimo. ​Como sinala Iago Martínez, “non facer nada agora significa que moitas empresas non chegarán ao remate do verán, e quen sabe se nesa altura teremos un novo rebrote. Hai que activar xa mesmo, canto antes, solucións rápidas e estendidas no tempo”.

A %d blogueros les gusta esto: