coruna 11th octubre 2018

“Implicadas no Desenvolvemento” e “Elas tamén pintan” gañan o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

by Victor Lamela

O xurado do Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña decidiu recoñecer o traballo de “Implicadas no Desenvolvemento” e “Elas tamén pintan”, como iniciativas que contribúen á igualdade desde a cultura.

“Implicadas no Desenvolvemento” e “Elas tamén pintan” son os colectivos gañadores da segunda edición do Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade que este mércores se fallou na sede da Deputación da Coruña.

Nesta segunda convocatoria do premio, o xurado destacou que as dúas candidaturas defenden, desde o ámbito da cultura, unha “perspectiva feminista cun grande impacto”. Con respecto a Implicadas no Desenvolvemento, recoñéceselle “unha traxectoria sólida de vinte anos no ámbito da cooperación cultural, con proxectos de especial interese no encontro de culturas”. Trátase, segundo anotan na explicación do fallo, dunha “proposta que crea pontes culturais mediante a relación de actividades de Galicia con colectivos do Sul, poñendo en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural”.

 

En canto a “Elas tamén pintan” o xurado destaca “unha iniciativa promovida por xente nova que, mesmo cunha traxectoria aínda curta, presenta unha aposta clara nun ámbito moi novidoso e atractivo en que levan a ilustración ás rúas cunha presenza importante das mulleres e a implicación dos barrios en que actúan”.

O xurado estivo formado pola profesora da Universidade de Santiago e especialista en estudos feministas, Mª Xosé Agra Romero, a doutora en Dereito pola USC, música e promotora de proxectos culturais, Belén Bermejo, a compositora, vocalista e instrumentista Mercedes Peón, a xornalista Fernanda Tabarés e a responsable da libraría de Mulleres Lila de Lilith -gañadora da primeira edición-, coa xefa de servizo de Cultura, Meredes Fernández-Albalat como secretaria e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei en calidade de presidenta.

O premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña convócase por segunda vez despois de iniciar a súa andaina o pasado ano premiando á libraría Lila de Lilith. A iniciativa, que está dotada con 6.500 euros, quere homenaxear e recoñecer á escritora feminista Begoña Caamaño e o seu labor para promover a igualdade desde a cultura, a comezar pola súa propia obra e tamén pola multitude de proxectos en que se implicou.

A %d blogueros les gusta esto: