coruna 05/17/2019

Inés Rey creará unha cita cultural de referencia o Día das Letras Galegas que faga que A Coruña sexa o epicentro da cultura galega

by Victor Lamela

A candidata socialista á alcaldía, Inés Rey, anunciou hoxe, durante a ofrenda floral no monumento a Curros Enríquez, no Día das Letras Galegas, a creación dunha cita cultural que faga que A Coruña sexa este día un referente en Galicia. Segundo Rey, durante anos, os gobernos do PP e da Marea, non souberon aproveitar o potencial cultural da cidade e proba diso é que os coruñeses e coruñesas márchanse da cidade debido a que “non lles ofrece nada. Isto ten que cambiar”.

Trátase de crear un acontecemento cultural que aglutine letras, música, gastronomía e lecer co pano de fondo das Letras Galegas. A sede da RAG está na nosa cidade, berce de grandes poetas e literatos da nosa lingua, así como escenario da primeira das xuntanzas das Irmandades da Fala.

“É hora de que a xente poida gozar deste día como se merece”. A través de concertos musicais de grandes grupos de Galicia, postos de venda das librerías da cidade, casetas gastronómicas, certames literarios, proxeccións de cinema e representacións teatrais, poderase potenciar este día na Coruña para que non só os coruñeses gocen del, senón para que acudan persoas de toda Galicia. Isto lógrase cunha programación “potente” que axude ao sector hostaleiro, pequeno comercio e sector turístico e cultural en xeral.

A desidia da Marea e do PP provocou unha parálise na xestión turística e cultural porque para lograr estes obxectivos hai que traballar e non “vexetar” en María Pita mentres a cidade se deprime.

“Estes días, por desgraza, ninguén fala de cultura porque ao PP e á Marea non lle dá votos a promoción da nosa cultura, pero os socialistas sabemos que sen cultura esta cidade, que sempre foi o faro de Galicia, nunca volvería selo”. Segundo Rey, é tan sinxelo como destinar unha partida nos orzamentos para unha xornada cultural atractiva, de homenaxe ás Letras Galegas, pero cun gran festexo cultural que sexa un referente en Galicia. “Non se trata de inventar nada, é tan sinxelo como pararse a mirar o que acontece este día, onde as librerías pechan, precisamente nun día como este, porque ninguén se parou a mirar pola cidade”. Entende que ao PP da señora Mato “non lle interesa a cultura e as súas letras posto que xamais fixo nada por elas, aínda que sempre presume dos 15 anos de ‘dedicación’ á política”.

Bibliotecas Municipais en folga

A candidata socialista tamén lembrou neste día da cultura galega a situación que padecen os traballadores das bibliotecas municipais, que aínda sofren para cobrar as súas nóminas mentras o goberno da Marea non lles dá unha solución. Rey sinalou que o goberno da Marea Atlántica non foi quen, nin tan sequera, de arranxar un conflito laboral que supón unha grande inquedanza para estes traballadores. Existe un “fondo malestar con este executivo de Xulio Ferreiro que constata a incapacidade da súa xestión para levar adiante de forma solvente o proceso de municipalización. Nós, os socialistas, chegaremos a María Pita o 26 de maio e unha das primeiras cousas que faremos será arranxar esta desfeita do señor Ferreiro”, sinalaba hoxe Inés Rey.

A %d blogueros les gusta esto: