Deportes 11/01/2019

Inés Rey recibe no concello os catro representantes da Policía Local que participaron no Campionato de España BTT

by Victor Lamela

A alcaldesa, Inés Rey; o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego; e o xefe de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, recibiron no Salón de Plenos do Pazo de María Pita os catro representantes da Asociación Cultural e Deportiva da Policía Local da Coruña que participaron na 22a edición do Campionato de España BTT para policías locais.

A proba na que competiron os catro axentes realizouse o 28 de setembro na localidade madrileña de Colmenar Viejo e contou coa participación de 165 representantes da Policía Local de 67 municipios de toda España. A carreira disputouse nun circuíto de 15 quilómetros en cada unha das tres voltas e un desnivel próximo aos 300 metros cunha mínima parte urbana.

A alcaldesa felicitou os integrantes do equipo coruñés polos resultados obtidos e valorou e agradeceu o esforzo realizado, e animounos a seguir co seu adestramento. Pola súa banda, o equipo da Policía Local da Coruña entregou a distinción recibida pola súa destacada participación na devandita proba, na que un dos seus integrantes acadou o terceiro posto na súa categoría. Tanto a alcaldesa coma a representación da Policía Local que acudiu á recepción no consistorio non descartan estudar a posible acollida do campionato na cidade o vindeiro ano.

A %d blogueros les gusta esto: