coruna 16/01/2021

Inés Rey renuncia á municipalización de toda a rede de bibliotecas e incumpre outra das súas promesas

by Victor Lamela

O goberno de Inés Rey foi onte fiel a dous dos seus costumes: empregar o Pleno para facer anuncios (a falta de asuntos de xestión) e rachar promesas. Na sesión plenaria deste 14 de xaneiro, o portavoz do goberno, José Manuel Lage, avisou de que se asinará un novo contrato para manter en mans privadas as bibliotecas do Centro Ágora, Forum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales e Duran Loriga. Incumpre así unha moción da Marea Atlántica, aprobada no Pleno do ​12 de setembro de 2019 cos votos do PSOE, e incumpre o seu acordo de mandato co BNG.

Deste xeito, o executivo local desaproveita o traballo xurídico realizado no mandato de Xulio Ferreiro para municipalizar estas bibliotecas. ​Xa tentou facelo en agosto de 2019​, cando retirou a encomenda a EMVSA para xestionalas de xeito público e asumir os postos de traballo , rectificando en 24 horas para anunciar que retomaría o proceso. Era falso. No ano e medio transcorrido, non se produciu ningún avance.

Cómpre lembrar que durante o goberno da Marea Atlántica puxeron todos os obstáculos posibles á remunicipalización, chegando a votar en contra no consello de administración de EMVSA. E agora Inés Rey confirma que nunca tivo intención de respectar os acordos para ​defender a xestión municipal directa do servizo de bibliotecas e superar un modelo desigual, caro e dubidoso​.

Renunciar á municipalización supón renunciar a ​melloras na atención á cidadanía, maiores garantías de emprego e ao aforro de 300.000 euros anuais ao eliminar ás intermediarias privadas. Sorprende o silencio do BNG ante esta situación, un claro incumprimento dos seus acordos que chega na mesma semana que a ampliación do seu pacto co PSOE.

Convidamos a Inés Rey a recapacitar e apostar pola xestión pública dos servizos municipais. Na Rede de Bibliotecas e en todos os eidos nos que sexa posible. Por exemplo, no Polideportivo de San Diego, poñendo fin a un contrato caducado e aos abusos dunha empresa que incumpre sistematicamente as condicións da concesión.

A %d blogueros les gusta esto: