coruna 27/07/2020

Investigadores da UDC desenvolven con financiamento do Fondo Supera Covid-19 unha ferramenta para monitorizar e predicir a evolución da pandemia

by Victor Lamela

Un proxecto liderado pola Universidade da Coruña logrou a concesión de 62.000 euros do Fondo Supera COVID-19 para o desenvolvemento dunha ferramenta web que, ao tempo que monitoriza a evolución da pandemia, proporciona predicións baseadas en diferentes modelos de predición combinada.

A convocatoria, posta en marcha polo Banco Santander en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Crue Universidades Españolas e dotada con 8,6 millóns de euros, está dirixida a financiar programas, proxectos colaborativos e medidas de apoio ao ámbito universitario para minimizar o impacto da crise provocada polo coronavirus nos ámbitos sanitario, educativo e social.

O proxecto Cooperative Forecasting (ForeCoop) xurdiu no marco do programa “Matemáticas contra o coronavirus”, unha iniciativa do Comité Español de Matemáticas (CEMat) para poñer ao dispor das autoridades as capacidades de matemáticos e estatísticos en aras de contribuír a entender e combater a pandemia por COVID-19. Os profesores da Facultade de Informática da UDC José Antonio Vilar e Ricardo Cao lideran o proxecto.

O obxectivo principal de ForeCoop é desenvolver unha ferramenta web para monitorizar e predicir a evolución da pandemia a través de series de datos de interese como contaxios, falecementos, hospitalizados, ingresos en UCI, etc.

Unha característica diferencial do proxecto é que as predicións son en realidade metapredicións obtidas combinando predicións provenientes de diferentes modelos matemáticos e epidemiolóxicos que, diariamente e de maneira independente, subministran ao proxecto un amplo número de grupos de investigación de toda España. Esta estratexia de combinar predicións é moi adecuada para xerar predicións estables e precisas, particularmente en situacións de alta incerteza como é o caso a pandemia por COVID-19.

Existe xa unha versión beta da ferramenta, accesible en https://covid19.citic.udc.es, que xa veu xerando predicións ata o 21 de maio, data na que o Instituto de Salud Carlos III deixou de publicar os datos das variables estudadas, pero pronto se espera poder retomar a súa actividade. É importante destacar que máis de 60 grupos de investigación inscribíronse nesta etapa, 45 dos cales enviaron xa predicións facendo viable o proxecto e dando unha idea do interese que o proxecto espertou.

ForeCoop xira ao redor de cinco eixos prioritarios de desenvolvemento: contribuír a mellorar a calidade das series de datos provistas polos gobernos autonómicos; desenvolver software para automatizar o proceso de adquisición de datos e integrar as predicións individuais; implementar novos algoritmos de predición cooperativa e avaliar a súa conduta; mellorar as funcionalidades da web interactiva; e dotar de versatilidade e robustez á ferramenta para facela facilmente adaptable a outras variables e a outros países ou contornas.

O proxecto, que conta coa participación de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, así como investigadores da Universidade de Valladolid e da Monash University de Melbourne (Australia), desenvólvese no ámbito do Campus Innova e remarca un dos eixos deste campus de especialización: a importancia da ciencia e a enxeñería de datos ao servizo da sociedade.

Foto: A imaxe reflicte a evolución da variable “novos casos” para unha comunidade autónoma fronte ás predicións cooperativas (metapredicións) sinaladas co segmento azul.

A %d blogueros les gusta esto: