Ayuntamiento 03/20/2019

Jorquera comprométese a contar coa veciñanza para calquera actuación nos barrios

by Victor Lamela
Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, visitou o barrio dos Rosales acompañado por Celia Armas (número 11 da lista do Bloque) e David Soto (número 5), ambos veciños do barrio. Jorquera entrevistouse con representantes dunha asociación veciñal e de comerciantes incipiente e anotou varias demandas que os propios veciños cualificaron como “históricas” nun barrio que naceu nas últimas décadas do século pasado. Transporte ineficiente, camiños sen recuperar, intervencións en espazos públicos que se quixeron impoñer, desleixo por parte do actual goberno municipal… a veciñanza dos Rosales quéixase dun certo abandono que resumen nunha actuación: a comezos deste ano, o goberno da Marea decidiu renovar o asfalto da rúa principal, completou un dos carrís e dixo que se acabaran os cartos e deixou o outro sen completar.

Mais o distanciamento co actual goberno comezou hai tempo. En xaneiro do 2017, o concelleiro de Rexeneración Urbana apareceu cunha proposta para cubrir parte da praza Elíptica mediante unha pérgola de once piares. A maioría dos veciños rexeitaron aquela solución. O goberno insistiu: ou esa ou ningunha. A proposta do Concello fixérase sen consultar ao barrio, os veciños dixeron non e a cuberta nunca se fixo.
Francisco Jorquera comprometeuse cos representantes veciñais a cambiar radicalmente os modos despois do 26M se o BNG ten capacidade de incidir no  futuro goberno municipal. “Nós non imos nin prometer nada nin moito menos impoñer intervención algunha sen falar antes e falar constantemente coas veciñas e veciños en cada barrio”, indicou o candidato nacionalista antes de lembrar que o BNG levará no seu programa a constitución de Consellos de Barrio.
“Os Consellos de Barrio serán órganos permanentes de participación, no que estean representados todos os colectivos e asociacións de cada barrio e a veciñanza, e nos que se manteña unha interlocución continuada entre o Concello e o barrio para tratar calquera asunto que afecte ao barrio”, explicou Jorquera, subliñando o carácter permanente e de diálogo constante deste modelo de participación fronte ás fórmulas implantadas neste mandato.
Alén dos espazos de diálogo, nos Rosales os veciños teñen demandas moi concretas cuxa solución depende “tan só dunha vontade política decidida”, como expresou Jorquera despois de escoitar ao veciños relatar as deficiencias no Camiño do Cura, unha senda que a costume converteu nun lugar de paso moi transitado e que o Concello, malia as reiteradas promesas nos ‘Dillo Ti’, non foi quen de negociar coa propiedade (a Igrexa) para poder transformalo nun camiño seguro, limpo, ben iluminado e pavimentado.
Buses ineficientes
Tamén referiron os veciños as deficiencias no servizo de buses, aspecto no cal a Concellería de Mobilidade tamén foi sumando promesas incumpridas. Advirten os veciños que a maioría da poboación traballa nos polígonos industrias da contorna coruñesa, pero que o servizo de buses non atende esta demanda e fai indispensábel o uso do vehículo privado para os traslados de traballo. Din os veciños que unha viaxe até aos polígonos combinando as liñas 11 e 14 leva máis dunha hora; contan que hai liñas redundantes, a 3 e a 3A, que teñen frecuencias de media hora; e quéixanse de que o recorrido do bus nocturno remate en Lavañou e mozas e mozas teñan que continuar a pé até o barrio “cando as cocheiras están aquí ao lado”…
Do desleixo municipal dan razón dúas queixas máis da veciñanza dos Rosales. Unha intervención da Concellería de Mobilidade na sinalización horizontal que confunde aos peóns polo deseño similar dos pasos de peóns e un elemento de calmado do tráfico. Tamén a colocación dunha parada de bus xusto antes doutro paso de peóns, ou o abandono das zonas verdes, sen mantemento a maior parte do ano, en espazos que, noutra promesa do goberno que está sen cumprir, ían acoller o chamado bosque das cinco illas.
“Parécennos demandas moi sensatas”, explicou Francisco Jorquera á veciñanza dos Rosales, “tomamos nota e terémolas presentes na nosa acción política, que se rexe e seguirá rexendo pola absoluta franqueza no diálogo coas veciñas e veciños. Cando haxa dificultades, teremos informada á veciñanza e dialogaremos cos barrios, porque procuramos ser rigoroso e consecuentes cos compromisos que asumimos”.
A %d blogueros les gusta esto: