coruna 26/02/2017

Kilomberos obtén o primeiro premio no concurso de vestiario e coreografía e Os Mesmos de Sempre no de carrozas

by Victor

A Coruña festexou na tarde do sábado o seu tradicional Desfile de Entroido, que este ano percorreu os Cantóns, a Avenida da Mariña e a Praza de María Pita desde as 17.30 horas. Durante a súa celebración, á que asistiron 19.000 persoas, a cita acolleu, un ano máis, os certames de comparsas, na modalidade de vestiario e coreografía e o de carrozas. O primeiro premio, dotado con 1.500 euros nos dous certames, foi para Kilomberos na modalidade de vestiario e coreografía, e para Os Mesmos de Sempre, coa proposta Vuela con Os Mesmos, no de carrozas. O segundo premio na categoría de coreografía, na que participaron 28 agrupacións e que está dotado con 1.200 euros, foi para a comparsa Pantaleón, mentres que o terceiro –800 euros– para Los Infieles, seguido, na cuarta posición, –500 euros– por Armatroulas e El Justiciero –quinto premio, dotado con 300 euros–. Nesta modalidade repartíronse 15 accésits, de 200 euros cada un, que foron para APA Castelo, ANPA A Cubela, Melandrinas, Amigos da Xoldra, Viva Venezuela, Monte Alto a 100, Tarde Mal e Arrastro, Fraternidad Boliviana, Os Subterráneos, Malandros, Falcatruadas, Festa Rachada, Estación con Tren, As Colmenas e Os Maracos.

En canto ao concurso de carrozas, a proposta Vuela con Os Mesmos resultou a gañadora, seguida de Vikingo, da comparsa Pan taleón; King Kong e indígenas, de Falcatruadas; Desaviado das Mariñas, de Estación con Tren, e Bandolero, da agrupación El Justiciero. Nesta modalidade, na que participaron un total de 14 construcións, foron tamén recoñecidas con accésits as propostas das agrupacións Amigos da Xoldra, Casa de Andalucía, Mecantulas, Os Subterráneos e AC. Queiroga.

O xurado, no que a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, exerceu de presidenta e o director do Coliseum, Javier Rodríguez, de secretario, tamén estiveron representados outros sectores relacionados co deseño e as artes escénicas da cidade. Á hora da votación, o tribunal tivo en conta a singularidade das carrozas e das comparsas, os materiais de elaboración, a construción ou confección artesanal e a súa complexidade, os acabados da proposta e dos disfraces, así como dos seus complementos, e a concordancia da carroza coa comparsa á que acompaña, ademais das coreografías que se desenvolveron.

Concurso de choqueiros

O próximo martes 28, festividade local, terán lugar no Campo da Leña os concursos de Choqueiros, na súa modalidade adulta e infantil, e o concurso infantil de disfraces. No caso dos nenos e das nenas (o certame establece como idade máxima persoas nacidas despois do 31 de decembro de 2004), poderán participar na categoría individual ou de grupo –non se permite concursar nas dúas– e deberán inscribirse esa tarde, entre as 16.00 e as 17.00 horas na oficina que se habilitará xunto ao escenario. Os mellores disfraces serán premiados con lotes de literatura infantil.

En canto ao concurso choqueiro para persoas adultas, as bases especifican que vai dirixido a “persoas que, sen utilizar traxes comercializados, disfrázanse utilizando a súa propia inventiva e atavíos convencionais para resultar estrafalarios” e contempla un premio de ata 500 euros na categoría individual e de ata 600 na modalidade de grupo. Ademais, haberá segundo e terceiro premios nas dúas opcións e entregaranse tamén lotes de Entroido ás 100 primeiras persoas inscritas, que recibirán un minilacón e unha ristra de chourizos. A inscrición poderá formalizarse esa mesma tarde entre as 19.00 e as 20.00 horas na entrada principal da Escola Municipal de Música (rúa da Torre, 67) e, como no caso do concurso infantil, os e as participantes só poderán concorrer nunha das modalidades.

A %d blogueros les gusta esto: