Uncategorised 03/22/2019

Máis de 2.800 persoas participarán este sábado na carreira popular nocturna Torre de Hércules #QuerémonosVivas

by Victor Lamela

​A contorna da Torre de Hércules e o barrio de Durmideiras acollerán este sábado a celebración da IX Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas – Trofeo José Varela Calviño, que inclúe, por vez primeira, unha marcha non competitiva aberta a todos os públicos e que se enmarca na programación municipal do 8M ​Mulleres que transforman realidades​. A cuarta proba do circuíto municipal Coruña Corre incorpora, esta edición, o carácter solidario, xa que todos os beneficios que se recaden a través de doazóns das e dos participantes tanto da carreira absoluta coma da andaina de catro quilómetros destinaranse, integramente, á investigación contra o cancro e as consecuencias desta doenza na vida das mulleres, a través dunha colaboración da Fundación Emalcsa coa Unidade de Mama do CHUAC e da Fundación Profesor Novoa Santos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

A carreira absoluta partirá, como é habitual, en horario nocturno. Comezará ás 21.15 horas e o grupo partirá do Paseo dos Menhires, xunto á estatua de Breogán, para achegarse, a través do Paseo Marítimo, á rotonda das Ánimas. Xunto ao Castelo de Santo Antón darán a volta para volver por Pelamios e encarar os últimos metros da carreira subindo a rampla que leva á Torre de Hércules, punto no que se situará, un ano máis, a meta. Unha vez finalice a saída da categoría absoluta, comezará a andaina solidaria, na que todas e todos os participantes portarán o dorsal 261, o mesmo número que levou Kathrine Switzer –imaxe da carreira municipal– no Maratón de Boston de 1967. As e os asistentes desta marcha, non competitiva, farán un percorrido de catro mil metros, compartindo itinerario coas e cos atletas da proba absoluta. Ao chegar ao 2 km, o grupo dará a volta para dirixirse á meta.

Contra ás 22.30 horas terá lugar a entrega de premios da categoría absoluta, mentres que no caso das categorías inferiores –que se desenvolverán entre as 17.15 e as 19.20 horas– a entrega será a partir das 19.40 horas. Ademais, durante toda a tarde, instalarase o Garabato de Xogos, un espazo con máis de 30 xogos construídos con material de refugallo e que está dirixido ás familias con nenas e nenos maiores de 3 anos.

Entre as distintas probas participarán 2.816 persoas. Para máis información sobre a Carreira Popular Torre de Hércules e o seu regulamento, ademais de servizos ás participantes –como gardarroupa e duchas, dispoñibles na cidade deportiva da Torre– pódese consultar a páxina web municipal ​www.coruna.gal/carreiraspopulares​.

Recollida de dorsais e camisetas

A recollida de dorsais terá lugar o venres 22 –de 17.00 a 21.30 horas– e o sábado 23 –desde as 10.00 horas até unha hora antes do comezo de cada proba– na cidade deportiva da Torre. Todas aquelas persoas que fixeran a doazón solidaria que se destinará á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres con cancro de mama poderán recoller a súa camiseta conmemorativa #QuerémonosVivas. Para todas aquelas inscritas na proba pero que non fixeran a doazón durante o proceso de formalización da súa participación, poderán facer a súa achega no espazo instalado para tal finalidade na cidade deportiva, na que tamén se dará coa doazón –e até esgotar as unidades– a camiseta da carreira.

Dispositivo de tráfico

O desenvolvemento da IX Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas provocará modificacións na circulación do tráfico. Así, entre as 15.00 e as 23.30 horas, cortarase totalmente a circulación no Paseo dos Menhires. No caso do Paseo Marítimo, desde a glorieta de Durmideiras até As Ánimas, o corte será entre as 21.00 e as 22.00 horas, na calzada máis afastada da beira do mar, e de 21.00 a 22.30 horas na máis próxima. Durante este espazo de tempo, manterase un carril de tráfico aberto desde Metrosidero-Julio Portela Ceballos-Paseo Marítimo Ánimas.

No caso do viario de acceso a Durmideiras, o corte total producirase entre as 21.15 e as 21.35 horas para o paso inicial da carreira. Contra ás 21.35 horas habilitarase un carril para o tráfico, e a Policía Local dará tráfico alternativo de entrada e saída até as 22.30 horas. Por outra banda, na rúa Juan Sebastián Elcano –desde o hotel até o viario de acceso a Durmideiras– producirase o corte total de 21.15 a 21.30 horas, e na Regata Cutty Sark –desde o viario de acceso até o hotel– o corte será de 21.15 a 22.30 horas. Por último, na rúa Veramar o corte será de 21.00 a 22.00 horas –mantendo o acceso a garaxes– e o tráfico que veña do Paseo Marítimo, desde Riazor-Orzán, desviarase cara á avenida de Navarra.

Ademais, co gallo da celebración da proba, non estará permitido estacionar na rúa Juan Sebastián Elcano –desde o hotel até o viario de acceso– entre as 19.00 e as 22.30 horas, ao igual que no Paseo dos Menhires, cuxa restrición –pola montaxe desde primeira hora da mañá da zona de saída e meta– comezará ás 08.00 horas.

A %d blogueros les gusta esto: