coruna 07/07/2019

Máis de cen expertos de 24 países participan na Conferencia Internacional de Finanzas Computacionais organizada pola Universidade da Coruña

by Victor Lamela

A3rd International Conference on Computational Finance (ICCF2019)(http://iccf2019.udc.es/) terá lugar na cidade da Coruña do 8 ao 12 de xullo de 2019 e reunirá a 120 expertos académicos e profesionais do ámbito das finanzas cuantitativas e os seus aspectos computacionais. Ten como obxectivo presentar avances recentes de grande interese en temas relacionados co sector financeiro e asegurador. Ademais, a reunión pretende propiciar a colaboración dos investigadores destacados das universidades e centros de investigación con prestixiosos profesionais do sector financeiro. Os 120 participantes proceden de 24 países distintos (Alemaña, Arabia Saudí, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Dinamarca, Emiratos Árabes, Eslovaquia, España, Estados Unidos, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Xapón, Nova Zelanda, Portugal, Reino Unido, República de Corea e Suiza).

O programa (http://iccf2019.udc.es/index.php/preliminary-program) conta con trece conferencias plenarias con relatores de prestixio mundial, que se completarán con minisimposiums temáticos e comunicacións. A sede principal do congreso é o edificio da Fundación Barrié na Coruña.

Destaca o Industrial Day o mércores, día 10, na sede de Afundación, que inclúe as conferencias impartidas por tres profesionais de prestixio mundial: Bruno Dupire(Head of Quantitative Research en Bloomberg, Julien Guyon(Senior Quant en Bloomberg) e Andrea Pallavicini(Head of equity, FX and commodities en Banca IMI), que falarán de temas de grande actualidade no sector financeiro.

A continuación, haberá unha mesa redonda sobre “Current hot topics in financial industry”.Nela, ademais de Bruno Dupire(Bloomberg), participarán a galega María R. Nogueiras(Head of Collateral Risk Analytics en HSBC de Londres), o holandés Lech Grzelac(Senior Quant de Rabobank), o canadiense Peter Forsyth(profesor con ampla experiencia na colaboración co sector financeiro e asegurador) e o holandés Kees Oosterlee(catedrático e investigador do CWI cunha ampla experiencia na colaboración co sector financeiro holandés e formador dun bo número de doutores e titulados de mestrado integrados no sector financeiro). No debate xurdirán temas de aplicación de novas técnicas matemáticas, numéricas e computacionais no sector financeiro e asegurador, xunto con aspectos relacionados co uso de deep learning, intelixencia artificial, blockchainou big data, así como novos aspectos financeiros relacionados coa regulación, os axustes de valoración por risco de contrapartida ou a substitución do LIBOR.

Destaca tamén a presenza dunbo número de novos investigadores, que poden optar ao premio do Journal of Computational Finance ao mellor traballo presentado por eles durante o congreso. O premio entregarase no acto de peche do Congreso.

O ICCF2019 está organizado pola Universidade da Coruña, coa colaboración da Fundación Barrié, CITIC, ITMATI, European Consortium of Mathematics and Industry (ECMI), Abanca,Afundacióne Risk.net.

A sesión de apertura do congreso estará presidida polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o vindeiro luns, día 8 ás 9:30h.

O Comité Científico está formado por expertos internacionais no tema de diferentes países, coordinado polo profesor Carlos Vázquez da UDC.

O Comité Organizador, coordinado por Íñigo Arregui, está formado por membros do grupo M2NICA (http://dm.udc.es/m2nica/) do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña. O congreso é unha actividade enmarcada dentro do Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA, financiado pola convocatoria MSCA do programa H2020 da Unión Europea para formar doutores en contornos de problemas relacionados con axustes de valoración de tipo XVA en colaboración coa industria financeira e o seu contorno de mobilidade internacional. Participan a UDC e as entidades financeiras Banco de Santander e Abanca como beneficiarios españois do proxecto, que inclúe universidades e empresas belgas, holandesas e italianas.

Esta edición da Coruña dá continuidade á serie ICCF, que se reuniu anteriormente en Greenwich (2015) e Lisboa (2017), xurdindo como iniciativa dentro da rede ITN Strike desenvolvida entre 2013 e 2016. Nesta ocasión, ademais o ICCF2019 é un congreso satélite do congreso mundial de matemática aplicada e industrial ICIAM2019 que terá lugar en Valencia do 15 al 19 de xullo.

A %d blogueros les gusta esto: